O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, presentaron en rolda de prensa un novo proxecto de infraestruturas urbanas, neste caso deportivas, “que suporá a renovación e mellora en diversos campos de fútbol da cidade de Monforte de Lemos, concretamente en tres campos de céspede artificial da cidade, os dous que forman parte do Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, e o Campo do Colexio dos Pais Escolapios”. O Alcalde sinalou que “é un proxecto que presento hoxe con ilusión, pois levaba moito tempo traballando nel, en concreto, na xestión de fondos para poder levalo a cabo”. Neste senso, o orzamento para estas intervencións, ascende a 572.196,75 euros, dos cales 550.990 euros son aportados mediante unha subvención nominativa consignada nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2022, e que son canalizados a través do Consejo Superior de Deportes.
Pola súa banda, o Concello aporta 21.206,75€, máis o custe do proxecto e a dirección de obras, que suman 12.084€, polo que aportación total do Concello é de 33.290,75€.
Con respecto ó Colexio PP. Escolapios de Monforte, no que actualmente desenvolve a súa actividade o C.P. Calasancio, foi necesario a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Monforte, o Colexio PP. Escolapios de Monforte e o C.P. Calasancio, mediante cal se lle cede ao Concello de Monforte o uso do campo de fútbol dos Escolapios por un período de 10 anos.
Renovación e
actuacións de
mellora nos campos de fútbol
A cidade de Monforte conta con tres campos de céspede artificial en dúas instalacións diferentes. O Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, ubicado entre as rúas Duquesa de Alba, San Lázaro e Reboredo, ó sur do centro urbano de Monforte. Esta instalación deportiva dispón dun campo principal de fútbol 11, estando habilitadas sobre o mesmo dúas zonas de xogo de fútbol 7, orientadas ó seu ancho, e un campo exclusivo de fútbol 7.
O Campo de fútbol situado dentro do recinto do Colexio dos Pais Escolapios, dispón dun campo de fútbol 11 e, ó igual que o anterior, conta con 2 zonas de xogo de fútbol 7 ó seu ancho, e que é utilizado polo Club Calasancio.
O Alcalde sinalou que as obras de mellora acométense porque “estes tres campos presentan un céspede artificial instalado hai máis de 10 anos, cun notable desgaste derivado dun uso intensivo durante todos estes anos”. En concreto, o campo do Colexio Escolapios é do ano 2007 e os campos do Estadio Luís Bodegas son do ano 2009”. “Por este motivo”, explicou o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno, decidimos acometer un proxecto de renovación de cada un destes terreos de xogo, que consistirá na substitución do pavimento de céspede artificial existente en cada un dos campos, por un novo céspede de última xeración adaptado ás novas normativas e esixencias”.
O proxecto de mellora establecido dende o Equipo de Goberno do Concello, aproveitará a infraestrutura existente en cada un dos tres campos, polo que se levará a cabo a retirada do antigo céspede mediante un sistema de retirada sostible por medios mecánicos con aproveitamento de recheos (area e caucho).
“Á súa vez, aproveitaremos a intervención nos tres campos para revisar os seus sistemas de rego, estado de electroválvulas e demais elementos, procedendo ó seu reemplazo, no caso de que sexa necesario. E tamén serán substituídos os canóns de rego dos 3 terreos de xogo por uns novos canóns emerxentes, máis actuais e eficientes”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé tamén avanzou que “a todas estas melloras das instalacións actuais, polo interese que mostraron varias empresas por estas obras, temos constancia de que van propoñer algunhas melloras con cargo ó orzamento de licitación, que van contribur a aumentar a calidade das obras destas instalacións”.•
Últimas noticias sobre DEPORTES
O Neka levouse o Ouro por equipos en Técnica e a Prata na Xeral. A nivel
Os xogadores de Fafián sumaron o sábado, 05 de outubro e ante o seu público, un
As Escolas Deportivas de Quiroga xa comezaron a súa nova andaina, contando cunha participación de máis
O Concello de Sarria investiu en total 8.000 euros, dos cales 6.000 foron achegados pola área
O Club Quixós brillou no Campionato Galego de Slalom Olímpico e Kayak Cross. Noa Díaz, Sara