A colaboración entre Xunta e Concello impulsa o Polígono de O Reboredo

• O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde e o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitaron o novo viveiro de empresas e o vial construido na zona oeste do polígono

José Tomé Roca e Francisco Conde, achegáronse para visitar as infraestruturas levadas a cabo no polígono industrial monfortino. Foto GPXG.

Que o polígono industrial de Monforte está a recibir unha atención e un impulso por parte das diferentes administracións, é unha realidade que está a comezar a ver os seus froitos. Boa proba diso é a recente construción dun novo vial na súa á oeste, e a reforma levada a cabo para que Monforte conte co seu primeiro Viveiro de Empresas. A pasada semana o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado polo Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, levaron a cabo unha vista para coñecer de primeira man estas novas intervencións, froito da colaboración entre Xunta e Concello. No encontro, na que tamén estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a Concelleira do PP Katy Varela, e a deputada Raquel Arias, levouse a cabo a visita ás infraestruturas que o Concello levou a cabo no polígono industrial monfortino nos últimos tempos, en concreto, a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que terá o Concello de Monforte na súa historia.
“A colaboración entre as dúas administracións fixo posible as dúas actuacións que vimos de ver hoxe, o novo vial para ampliar o Polígono e ter máis parcelas a disposición das empresas, e o novo Viveiro de Empresas, que está en concurso aberto a emprendedores que queiran poñer en marcha proxectos e empresas de carácter industrial, e que será unha sede para eles, de carácter gratuíto e onde poderán permanecer 3 anos”, subliñou o Alcalde.
Tanto o Alcalde como o Conselleiro destacaron a colaboración entre ambas administracións, e o rexedor monfortino engadiu ademais “que hoxe é un bo día para dar a coñecer estes proxectos, porque o interior está moi necesitado deste tipo de iniciativas, que contribuirán ó desenvolvemento do Polígono e á dinamizar o interior de Galicia e á Ribeira Sacra”. As dúas actuacións recibiron preto de 318.000 euros en axudas por parte da Xunta de Galicia, mentres que o Concello aportou máis de 470.000 euros.
O Alcalde tamén recordou que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo. “Estas novas incorporacións de terreo industrial permitirán nun futuro ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización económica da comarca”, subliñou José Tomé.

FORTALECER O TECIDO EMPRESARIAL DA PROVINCIA
Pola sua banda, Conde destacou que, sumando as dúas últimas convocatorias, a provincia de Lugo está mobilizando ao redor de tres millóns de euros con estas liñas de axudas que teñen como obxectivo mellorar o equipamento e servizos destas infraestruturas. Deste xeito conséguese fortalecer o tecido empresarial desde o punto de vista da competitividade e favorecer a creación e implantación de compañías e novos investimentos.
O vicepresidente económico explicou que a convocatoria deste ano -xa resolta- mobilizará 6,6M€ nun total de 43 municipios de toda Galicia (1,6M€ corresponden á provincia de Lugo). Así, sumaranse tres novos viveiros en Cospeito, Bóveda e Baleira e realizaranse melloras de infraestruturas en Cervo, Cospeito, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Sarria e Xove. Conde puxo en valor o esforzo que a Xunta está realizando para acompañar ao tecido empresarial e lembrou iniciativas como a Lei de simplificación administrativa, a Lei de áreas empresariais ou as bonificacións no solo industrial, así como o papel protagonista que teñen os Concellos Emprendedores como principais beneficiarios dos apoios.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Círculo Saviñao segue a animar o verán cultural e de lecer

Seguinte Nova

Boa participación dos deportistas de Monforte e Sarria nos Xogos do Eixo Atlántico

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: