A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita en Chantada proxectos empresariais innovadores

• Proxectos como Galletas Daveiga, a Túa Xanela, Adega e viñedos Lareu demostran que é posible un medio rural vivo e con futuro

A portavoz nacional do BNG durante a sua visita a Chantada . (Foto GCBNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, empezou a súa intensa axenda a pasada semana en Chantada cunha visita á empresa Daveiga, produtora das galletas mariñeiras, un proxecto innovador que demostra que é posible un rural vivo, capaz de xerar riqueza e emprego, pero para iso, según o BNG é preciso mudar as políticas de abandono por unha política estratéxica de apoio e recuperación do rural. “Daveiga demostra que é posible facer proxectos innovadores desde o medio rural, mesmo cun enfoque de economía social, un aspecto que debemos apoiar porque crea emprego de proximidade e de calidade no propio rural”, salientou Pontón, tras concluír a visita guiada por unha empresa que, ademais, aposta polo produto de proximidade para a súa produción, minimizando o impacto ambiental.
Consideran dende o BNG que a iniciativa privada debe ser apoiada cunha aposta desde as políticas públicas e, neste sentido, o BNG propón un Plan estratéxico de rescate e desenvolvemento para o rural estruturado en dez liñas de actuación que ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas: manter os servizos educativos, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.
“As políticas do PP conducen ó rural a unha morte lenta, cada vez hai menos xente, menos actividade, menos servizos. Urxe cambiar esa tendencia, empezando por unha política de discriminación positiva, non se poden pechar escolas, hai que abrilas; no se pode recortar en médicos e médicas senón promover unha sanidade de calidade e con medios no rural e apostar tamén polas novas tecnoloxías neste parte do País que non pode ser discriminada”, explicou Pontón.
A segunda liña estratéxica, que plantexa o BNG, ten como obxectivo conseguir un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe rescatar 100.000 hectáreas en dez anos para uso agrario.
Pontón tamén destacou o imprescindible apoio ó sector vitivinícola, clave na comarca, cunha produción de moita calidade. “Hai que apostar pola innovación e pola transformación para potenciar proxectos que xeren valor engadido porque son os que aportan mellores niveis de renda para os produtores e produtoras nos distintos sectores que se desenvolven no medio rural ós que hai que apoiar”, recalcou pouco antes de visitar Adega e viñedos Lareu.
O plan estratéxico do BNG para o rural aposta por unha produción no sector agropecuario que debe ir acompañada de innovación, investigación e transformación, terceira liña estratéxica; e nesa mesma dirección, facilitar a comercialización, con centros comarcais de envasado e etiquetaxe parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.
A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización e por estender as novas tecnoloxías, indicou, tras visitar A túa xanela, proxecto empresarial que se encarga precisamente de instalar fibra óptica no rural e achegar as novas tecnoloxías. Igualmente, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.
A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras, establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas. Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.
A oitava liña estratéxica pasa por “rexuvenecer o rural”, por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar á mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.
Dada a importancia específica do sector lácteo, o BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As festas de agosto de Monforte xa teñen cartel e pregoeira

Seguinte Nova

As altas temperaturas protagonizan o regreso, dous anos despois, da XVIII Feira Outrora de Rubián

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: