• Logo do preacordo que vén de firmar con FCC Aqualia S.A. para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”
Abastecemento e saneamento son dous dos principais asuntos de interese do equipo de goberno do Concello de Monforte. Nun deses ámbitos, ven de darse un importante avance coa firma dun preacordo con FCC Aqualia SA para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”, que suporán unha mellora moi significativa do abastecemento de auga na cidade. O Preacordo asinado obedece á execución do cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro, do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou á empresa Aqualia a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora, ascenderá a 1.784.831,44€. “Fai uns meses”, resaltou o Alcalde, “prodúxose un relevo nos responsables de Aqualia en Galicia, e isto fixo posible abrir un novo proceso de diálogo entre a empresa e o Concello”, o cal permitiu acordar o investimento de 1.671.617€ establecidos pola citada sentencia.
Con este fin, “mantivemos varias reunións discretas que deron como resultado, que con data do día 6 de xullo, enviei unha carta a FCC Aqualia SL propoñendo un texto de acordo para investir 1.671.617€ nas instalacións da Rede xeral de abastecemento de auga potable”, explicou Tomé Roca.
A empresa Aqualia aceptou, e no día de hoxe produciuse a sinatura deste preacordo, que será sometido á aprobación da Corporación municipal no vindeiro Pleno previsto para o martes 26 de xullo.
O proxecto que acometerá Aqualia denomínase “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte” e consistirá na construcción dunha nova tubería xeral na rede de abastecemento, de fundición, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.
“Deste xeito, teremos desdoblada a Rede Xeral de Abastecemento, dado que teríamos 2 tubaxes, a actual e a nova tubaxe, e así evitamos as reiteradas roturas na actual tubaxe de fibrocemento, xa que a nova de fundición é moi difícil que teña unha avaría deste tipo”, explicou o Alcalde, que salienta que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable,. Hoxe é un día moi importante, porque sen renunciar a nada, damos o primeiro paso para cumprir os compromisos pendentes que establece o contrato entre Aqualia e o Concello”. •