A Xunta mantén aberto ata o próximo 1 de agosto o prazo de solicitude das axudas que con 1,5M€ incentivarán a creación de emprego e a súa consolidación en pequenas empresas de nova creación co obxectivo de xerar postos estables para persoas desempregadas -principalmente mulleres, persoas con discapacidade e en risco de exclusión social- apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na comunidade, con especial atención aos concellos do rural galego.
O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe tanto apoios á xeración de emprego estable como para formación, inicio da actividade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
En canto á xeración de emprego estable, a orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 21 de febreiro, establece apoios de 2.000 ata 9.000 euros por posto de traballo creado ata un máximo de 10. A intensidade da axuda será maior no caso de que as persoas incorporadas sexan desempregadas de longa duración, teñan discapacidade ou se atopen en risco de exclusión social. Aportarase un 25% extra de se tratar de mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados, persoas trans ou que a empresa se atope nun emprazamento rural.
Para impulsar a formación, prevese financiar ata o 75% do custo do programa ata un máximo de 3.000 euros por empresa.
No caso dos gastos do inicio da actividade inclúense axudas de 2.000 a 9.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de 10; mentres que para apoiar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras establécese ata un máximo de 3.000 euros para sufragar o custo das escolas infantís ou servizos de coidado de maiores ou dependentes.
Todas estas axudas son complementarias entre si, polo que a contía máxima por empresa beneficiaria pode acadar os 24.000 euros como máximo. •