
A Xunta investirá este ano máis de 221.000 euros nas axudas dirixidas a apoiar os catro Centros de Información á Muller (CIM) do Sur de Lugo e os programas municipais desta área destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informaron da resolución da orde de axudas a entidades locais para fomentar accións neste eido.
A maior contía vai destinada a financiar a actividade dos CIMs da Zona Sur, que reciben 201.600 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para manter os postos de traballo con funcións de dirección, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Ambos responsables autonómicos explicaron que os catro centros de información á muller desta área dan cobertura a 17 concellos. Así, o CIM de Chantada cobre Carballedo e Taboada; o de Monforte de Lemos dá servizo a Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, o de Quiroga a Ribas de Sil e Folgoso do Courel e o de Sarria a Láncara, O Páramo, Paradela e Samos.
Outra das liñas destina 19.250 euros a sufragar os programas de fomento da conciliación impulsados polas administracións municipais de Sober e Bóveda•