• Mentres desde o PSdeG pregúntanse «onde está o PP para pedir que a Xunta actúe cando antes”, o PP defende a transparencia e axilidade da Xunta de Galicia para dar solución ao derrubamento da estrada de O Courel
O domingo día 20 de marzo, derrubouse unha parte da estrada LU-651, entrada principal ao concello de Folgoso do Courel desde Quiroga, deixándoa impracticábel. A única alternativa a esta vía, se non se quere dar un enorme rodeo, é o desvío entre Vidallón e Valdomir, pola Campa, estrada esta cunha anchura apenas apta para o paso dun vehículo utilitario. A día de hoxe os veciños de Folgoso seguen sen solución alternativa e agardan que rematen os traballos das obras de acceso provisional que aínda están en curso.
OS SOCIALISTAS DENUNCIAN A DOBRE VARA DE MEDIR DO PP
Este feito, motivou que o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, asegurara que o Goberno do PP na Xunta ten completamente esquecidos ós veciños e veciñas da Montaña e do conxunto da provincia, “xa que preto de catro meses despois do derrubamento da estrada LU-651, que une Folgoso do Courel e Quiroga, nin deu explicacións, nin aportou solucións, nin alternativas”.
Tomé Roca fixo estas declaracións durante o encontro que mantivo na zona afectada con representantes institucionais e cargos orgánicos do Partido Socialista na provincia, no que participaron o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, os Deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro, o Deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, o Deputado provincial de Medio Ambiente e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e a voceira municipal socialista no Courel, Carmen Álvarez.
O Secretario Xeral do PSdeG lucense lembrou que a estrada autonómica derrubouse o pasado 20 de marzo e quince días despois a Xunta “dábase unhas semanas para decidir como reconstruír a estrada, dicía que non podía dar prazos ata ter un estudo xeotécnico, pero que, en todo caso, ía estar pechada ó tráfico un ano e medio”.
Case catro meses despois do afundimento, recalcou, a Xunta “non explicou que estudos se fixeron, nin as causas do sucedido, non ten feito o desvío provisional, non informou de nada ós veciños, nin ós concellos, nin á Deputación, e non ten marcada a alternativa definitiva, máis segura e viable”.
Ante esta situación, José Tomé reclamou que “se abra xa o desvío provisional e que se poñan traballar na reconstrución da estrada LU-651”, e pregúntase “onde está o PP para pedir á Xunta que actúe cando antes”. “Foi unha pena que o día que visitaron o viaducto da A-6 non pasasen por aquí para demandar a reparación desta estrada do Courel”, sinalou.
“Estamos diante dun exemplo claro da dobre vara de medir do PP. Fai esixencias que non practica, pedindo todas as presas ó Goberno do Estado no caso do viaducto da A-6 e arrogándose toda a calma para arranxar a súa estrada no Courel, cando a complexidade do problema non ten nin punto de comparación”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia.
“O PP fai coa A-6 como fixo con Alcoa. Vai facerse fotos, pero non aporta ningunha solución útil e trata de torpedear a acción do Goberno de España. Todo, polos votos, enganando ós veciños”, afirmou.
RESPOSTA DO PP
O Partido Popular defende a transparencia e axilidade da Xunta de Galicia para dar solución ao derrubamento da estrada de O Courel.
“Hai que salientar que a administración autonómica, desde o primeiro momento, puxo enriba da mesa posibles alternativas para solventar o problema, de modo consensuado co concello”, afirman os populares.
As obras de acceso provisional a Folgoso do Courel co fin de restituír o tráfico na estrada LU-651 estarán finalizadas en poucas semanas. O investimento da Xunta de Galicia nesta obra de emerxencia que se está executando é case 1 millón de euros.
Según os populares, a Xunta de Galicia primeiro declarou a emerxencia para poder executar unha actuación que solventase o problema coa máxima axilidade posible, ofrecendo unha solución rápida e segura, que é a que se está executando e que estará finalizada en poucas semanas; e despois traballando para ver a mellor alternativa que permita dar solución definitiva ao problema. Ademais, sinalan, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reuniuse en varias ocasións coa alcaldesa, desprazouse in situ á zona e tamén o director da Axencia Galega de Infraestruturas deu explicacións no Parlamento de Galicia.
Os populares lamentan que o secretario provincial socialista, José Tomé, nin dixera unha sola palabra de O Courel ata que caeu o viaduto da A-6, que non se preocupara polos veciños de O Courel e que utiliza agora simplemente o tema como cortina de fume para tapar a ineficacia do goberno de Pedro Sánchez ante a problemática existente na A-6. Por último, desde as filas populares piden ao secretario xeral socialista que non utilice a O Courel ao seu antoxo cando, ademais, na estrada LU-P-1301, competencia da Deputación da que é presidente José Tomé, o único que foi capaz de facer é pavimentala cando é totalmente necesario unha reforma integral da mesma para que non dificulte o paso ao vehículos grandes.•