Fondos europeos para apoiar ás PEMES en materia de transformación dixital

• A Deputación de Lugo aceptou o investimento concedido pola entidade pública Red.es para desenvolver o proxecto Acelera PEMES, que fortalecerá o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. Foto GPDL.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou aceptar un investimento de medio millón de euros que conseguiu captar de fondos europeos para desenvolver o proxecto Acelera PEMES, unha iniciativa destinada a fortalecer o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen anunciou que a entidade pública Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, comunicou a concesión á Deputación de Lugo de 400.000€ e que a Deputación complementará con outros 100.000€ para poder desenvolver este programa. “Trátase dunha noticia moi importante, porque con este orzamento poderemos crear e ter en funcionamento durante dous anos unha oficina provincial con 7 traballadores e traballadoras para ofrecer asesoramento e soporte en materia de transformación dixital ás pequenas e medianas empresas dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes”, sinalou a Deputada, quen lembrou que son todos, menos a capital.
Asegurou Pilar García Porto que o asesoramento ás PEMES “será totalmente gratuíto para as empresas, e será personalizado, é dicir, adaptarase ás características e necesidades de cada negocio para que, desta forma, lles sexa realmente útil”.
O proxecto contempla unha oficina de asesoramento con sede física nas dependencias da Deputación; unha sede virtual e, a maiores, terá presenza en todo o territorio da provincia a través dunha rede de cinco oficinas móbiles: na Mariña, na Chaira, na zona centro, na Montaña e na Zona Sur para ofrecer unha atención próxima e eficaz. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentan o programa das Festas Patronais de Monforte de Lemos

Seguinte Nova

Saborea a túa provincia en Pantón

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: