
Dende o 21 de xullo, a pasarela do Malecón de Monforte está cortada ao tráfico de peóns por mor das obras de reparación que realiza o Concello. As obras foran anunciadas en xuño polo alcalde, que xustificou as actuacións nesta ponte de madeira «debido ó estado actual de conservación, na que é necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situadas baixo o taboleiro e os acabados da madeira, que están en estado regular». Para esta actuación de mellora da Ponte do Malecón, o Concello destinou un orzamento de 48.387,90 euros.
As obras consistirán na comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas, para subsanar o estado de oxidación dos elementos metálicos; a limpeza, lixado e lasurado de todas as pezas de madeira; e a reparación de grietas existentes nalgunhas pezas, coa aplicación de resina epoxi.
A pasarela foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. .
O rexedor monfortino indicou que «decidimos actuar para evitar que se siga deteriorando a madeira e garantir a seguridade das persoas que pola ponte transitan todos os días”.•