Presentan o programa das Festas Patronais de Monforte de Lemos

• As actividades e concertos terán lugar do 11 ao 16 de agosto

O alcalde de Monforte, José Tomé; a tenente de alcalde, Gloria Prada; e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, na presentación do cartel e o programa das Festas Patronais. Foto: MONTERO

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer estes días o programa completo das Festas Patronais 2022, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe.
“Por fin despois destes dous últimos anos” salientou Tomé, «Monforte volve a celebrar as súas Festas Patronais que volven por todo o alto, e creo que van ser unhas festas para recordar”. O alcalde baseou o éxito das festas en que «en primeiro lugar, volven despois da pandemia; en segundo lugar, porque vai haber máis días de festa, unha excepción que nunca houbo; e terceiro lugar, polo programa que está preparado» para a edición deste ano.
O Alcalde recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.
Tal e como se comprometera o Alcalde, Monforte contará este ano cun día máis de Festas Patronais pasando de 5 a 6 días. De tal xeito que o día do Pregón será o día 10 de agosto, a cargo de Margarita Rodríguez Otero, e os concertos empezarán o día 11 e rematarán o día 16 de agosto.
“Monforte volve a celebrar esas Festas Patronais por todo o alto, dando ese paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”, recalcou o rexedor municipal.
Ademais dos concertos de Rocío Caamaño, María do Ceo, La Oreja de Van Gogh, Edurne, Gin Toni’s, Malenne, Rosario, Ana Mena, e Mago de Oz, a oferta musical enriquecerase coas verbenas a cargo das orquestras Panorama, Finisterre, Los Satélites, Los Player’s, Costa Dorada e Acordes. O programa inclúe as actuacións, entre outros, do Grupo de Batucada Creativa, do Grupo de Gaitas e Pandereteiras Os Xograres de Lemos, do grupo de Batucada Baturruca, e da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, todos de Monforte, que amenizarán con pasarrúas as tardes dos días 11, 12, 13 e 16 de agosto. O luns 15, terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade. Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional. A maioría destes grupos son de Monforte. •

Reforzo da seguridade para as Patronais

Foto: GPCM

O pasado 27 de xullo, tivo lugar a Xunta Local de Seguridade no Concello de Monforte, para estudar o dispositivo de seguridade das Festas Patronais. A reunión estivo copresidida polo alcalde, José Tomé, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
A Policía Local reforzará o servizo nocturno cunha dobre patrulla, e contará ademais con outra dobre patrulla polas mañás, debido á prolongación do ocio nocturno. Este dispositivo manterase durante os días de celebración das Festas, véndose incrementadas estas dotacións o día 16 no paseo do Malecón con motivo dos fogos do río.
Por parte da Policía Nacional, ademais dos medios propios da Comisaría de Monforte, virán desprazadas durante os días de celebración das Festas outros efectivos procedentes doutros puntos de Galicia, que en número oscilarán entre os 6 e 8 axentes.
Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias.
O alcalde precisou que tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.
Durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o día 15, e os Fogos do Río, o día 16.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Rueda anuncia axudas directas para os damnificados polos incendios forestais

Seguinte Nova

Fondos europeos para apoiar ás PEMES en materia de transformación dixital

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: