Non todo van ser festas. O verán tamén é un momento perfecto para deixarse embargar pola lectura de apaixonantes novelas negras, cheas de intriga e misterio. E se esta transcorre en Monforte, mellor que mellor. Fernando Hernández González é o autor de Gotas de esperanza, unha estupenda opción para achegarse a este autor, que acaba de presentala na nova librería de Monforte, Entre Libros, coa nosa compañeira de Onda Cero Manola Porto poñendo voz a algunha das desventuras que viven os protagonistas desta historia. Dos boas novas: por fin Fernando puido levar a cabo un evento promocional da súa novela in situ, en Monforte, toda vez, que esta historia foi publicada en plena pandemia, o que sen dúbida condicionou o seu traballo de promoción. Pero o que máis costa, tamén é en ocasións máis gratificante, e esta presentación, dous anos despois do previsto, converteuse nun evento máxico, cálido e especial, máis unha reunión de amigos e familia que un frío acto promocional. Fernando Hernández González, policía local no Barco de Valdeorras e Criminólogo de formación, soubo fiar nesta novela unha completa trama na que se mesturan as historias dun veterano policía que decide retirarse aos mandos da Xefatura de Policía Local de Monforte, un perverso xornalista, unha funcionaria de xustiza disposta a cambiar o mundo e os poderes ocultos do sistema.
E a outra boa nova, e que nestes tempos xurda unha iniciativa que leve á apertura dunha nova librería. Sorte para Fernando e Entre Libros.