A comezos de agosto, o Concello de Sober fixo un chamamento” á responsabilidade no consumo de auga ante a seca que está a afectar a todo o país”, e “ante o mal uso que algúns están a facer da rede pública”.
Dende o Consistorio informaron que o municipio conta con traída municipal en preto de 800 vivendas, e dispón de caudalímetros por zonas, que rexistraron nos últimos días “consumos moi elevados en determinadas franxas horarias, que se corresponden co horario habitual de rego”. Asimesmo, os responsables municipais afirmaron que tamén se detectaron usos de rego con programador. O Goberno local de Sober apelou “á responsabilidade de todos os veciños e veciñas”, e anunciou que procederá a un “varrido por zonas para detectar enganches ilegais á rede e usuarios que reguen con auga da traída”. Dende o Consistorio advertiron que “de detectar prácticas prohibidas ou abusivas tramitaranse as corresponentes sancións”. Agora mesmo, e pola situación de seca, en Sober está prohibido usar a auga da traída para regar, lavar vehículos ou encher piscinas. “O uso da auga pública debe ser en exclusiva para o consumo doméstico”, insistiron os responsables municipais.
Estes días, o Concello está facilitando cisternas de auga a varias poboacións que non contan con traída municipal senón con traídas veciñais nas que escasea o subministro. O alcalde, Luis Fernández Guitián, afirmou que “mentres uns teñen problemas outros malgastan a auga con regos descontrolados ou enganches ilegais o que é ilóxico”.
O alcalde aclara que non hai problemas no subministro municipal pero o consumo de enerxía e cloro é moi elevado, polo que se prega responsabilidade.
•
Últimas noticias sobre MEDIO AMBIENTE
A decisión da Xunta de Galicia de incrementar o canon de recollida de residuos en Sogama
BNG e Esperta Monforte esixen medidas inmediatas logo da aparición de centos de peixes mortos no
A Terra de Lemos foi a comarca máis seca de Galicia en xullo, con menos de
A asociación ecoloxista ADEGA e a asociación cultural Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia ante a Dirección
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou as instalacións de Celega no Saviñao