Verbenas, concertos e espectáculos de rúa nas Festas Patronais de Monforte

• A cidade do Cabe desfruta das primeiras festas en completa normalidade tralo parón pola pandemia

Imaxe da actuación de Rosario nas Festas de Monforte. Foto Pili Chaos.

A programación das Festas Patronais de Monforte de Lemos ofrece este ano actividades para todos os públicos, dende o 11 ao 16 de agosto. A apertura da axenda festiva tivo lugar na tarde do día 10, coa lectura do pregón a cargo da exdeputada e escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero, e o arranque da iluminación artística, para completar a xornada co concerto de María Caamaño na Praza de España.
Xa o día 11, as actividades comezaron coa primeira sesión do VII Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa, que trouxo a maxia e a música de Luigi Ludus co espectáculo familiar «Cantando baixo a maxia», á unha da tarde, cun segundo pase ás oito. Desta volta, os pasarrúas estiveron a cargo do Grupo de Batucada Creativa de Monforte de Lemos, que amenizou a xornada cos seus sons a última hora da tarde, dende o barrio da Pinguela ata o centro da cidade. O programa do día pechou co concerto «A fadista», que ofreceu María do Ceo na Praza de España, e ás verbenas, a partir das dez e media, a cargo das orquestras Finisterre e Panorama, na Praza da Compañía.

VENRES 12 DE AGOSTO
O programa para esta xornada abre á unha da tarde cunha nova sesión do VII Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa, co espectáculo «Tentación divina» a cargo de Maiclown, que mestura acrobacias aéreas, clown e moito humor pensado para un público familiar. Na mesma Praza de España haberá outra función ás oito da tarde.
Os pasarrúas desta xornada virán da man do Grupo de Gaitas e Pandeireteiras Os Xograres de Lemos, cun percorrido musical dende o barrio do Val de Lemos ata o centro de Monforte, a partir das oito e media da tarde.
Ás dez e media da noite, a Banda de Música de Vilalba ofrecerá un concerto na Praza de España. Na Praza da Compañía, comezará ás once a verbena coa orquestra Los Satélites, que dará paso, ás doce da noite, ao concerto do grupo La Oreja de Van Gogh. Ao remate, sobre a unha e media, voltará a verbena con Los Satélites.

SÁBADO 13 DE AGOSTO
Nesta xornada, haberá unha dobre ración do VII Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa. Ás doce do mediodía, a rúa do Cardeal animarase co espectáculo «Percorrendo os Camiños», a cargo da compañía Os Monifates, con música e monicreques. O segundo pase desta actividade será ás sete da tarde, tamén no Cardeal. Outro espectáculo do Festival Cómico Festivo terá lugar na Praza de España, á unha e ás oito da tarde. Desta volta será Francis Zafrilla, que deleitará ao público familiar con «Este verán ten maxia!», un espectáculo que combina maxia, ventriloquia e monicreques.
A dinamización musical da rúa virá da man da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte, que percorrerán a cidade dende o barrio de Carude ata o centro a partir das oito e media da tarde.
Ás nove e media, comezará na Praza de España o concerto do grupo monfortino Vera Lynn. Ás once, a música pasará o relevo á Praza da Compañía, co concerto de Edurne. Neste mesmo escenario, terá lugar a actuación do grupo Gin Toni’s, a partir da unha e media, para continuar co concerto de Malenne ás tres menos cuarto.

DOMINGO 14 DE AGOSTO
A xornada festiva iniciarase ás doce do mediodía, coas alboradas do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, que percorrerá as rúas da cidade acompañado dos xigantes e os cabezudos.
De novo, haberá un dobre espectáculo no VII Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa. A rúa Cardeal acollerá, ás doce e ás sete, o espectáculo «Ledicias», do Mago Paco. Xa á unha, e con outro pase ás oito, a Praza de España animarase con «Souvenirs», o espectáculo que traerá a compañía Kicirke, con mimo, clown, acrobacias e música.
O concerto da Praza de España estará a cargo da Banda de Música de Antas de Ulla, a partir das dez da noite. Na Compañía, a música comezará ás once, co concerto de Rosario Flores. A verbena coa orquestra Los Player’s comezará ás doce e media ata as dúas da mañá, para retomarse ás dúas e media ata as catro.

LUNS 15 DE AGOSTO
O día grande das Festas Patronais de Monforte arrancará ás dez da mañá co lanzamento de 21 bombas de palenque, e ás dez comezará a reunión de autoridades locais e veciñanza na Praza de San Antonio para formalizar a comitiva que partirá, ás dez e media, cara á igrexa da Régoa, para a ofrenda floral á Patroa da cidade. Na súa marcha, a comitiva estará acompañada pola Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional do Concello de Monforte de Lemos.
Xa ás once, terá lugar a misa e ofrenda floral á Virxe de Montserrat, cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte. Á saía da cerimonia na igrexa da Régoa, actuará o Grupo de Baile Tradicional xunto coa Banda de Gaitas do Concello.
No aspecto musical, o 15 de agosto será o Día do Gaiteiro, co que o Concello de Monforte pretende amosar e dignificar a riqueza cultural galega a través das súas diferentes manifestacións. Así, as alboradas desta xornada virán da man dos grupos de gaiteiros de Monforte Érbedo, Os Xograres, Merenzao e Lemavos, así como do quinteto ourensán Redegaita e de O Cego da Veneira, que traerá os cantos de cego dende A Pobra do Brollón. Os grupos concentraranse ás doce na Praza de España, e amosarán as súas músicas ata as tres da tarde.
Os pasarrúas da tarde estarán a cargo de O Cego da Veneira, Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, Escola de Danza do Concello de Monforte, Asociación de Amigos da Pandeireta de Monforte e Agrupación Folclórica Lemavos, dende o campo da Compañía ata a Praza de España, a partir das oito e cuarto. A continuación, comezará a Mostra de Danza e Música Tradicional, a cargo dos grupos mencionados.
A orquestra Costa Dorada ofrecerá a verbena na Compañía, e ás once e media a acción trasladarase ao río, co espectáculo das Barcas Engalanadas ata as doce, hora dos fogos artificiais dende San Vicente. Ás doce e media, comezará o concerto de Ana Mena na Compañía, e ás dúas tomará o relevo a verbena con Costa Dorada.

MARTES 16 DE AGOSTO
Á unha da tarde, Avelá Circo traerá un espectáculo de clown e acrobacia á Praza de España, que se repetirá no Cardeal ás sete. Os pasarrúas serán á unha da tarde, co Grupo de Batucada Baturruca de Monforte.
Ás oito, voltará o VII Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa, co espectáculo «Ikigai», da man da compañía circense SU.MA.Ás oito e media, Baturruca animará o ambiente cos pasarrúas, para dar paso, ás nove e media, ao baile-concerto da Banda de Acordeóns O Folión da Asociación Cultural Xograres de Lemos, na Praza de España.
A verbena comezará na Compañía ás once da noite, da man da orquestra Acordes. A sesión dos Fogos Artificiais de Auga comezará ás doce dende o Paseo do Malecón.
A música voltará media hora despois, co concerto de Mago de Oz na Compañía ata as dúas, momento no que se retomará a verbena coa orquestra Acordes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Miguel Induráin foi a autentica estrela da segunda edición da Ancares Cycling Marathon

Seguinte Nova

Grupos de Monforte. Concertos na rúa, unha opotunidade para que os grupos locais mostren o seu traballo

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: