• Os responsables provinciais cualifican o plan de residencias da Deputación como un “enorme avance na mellora das condicións de vida no rural”

A finais de agosto, a Deputación de Lugo aprobou un novo investimento relacionado co plan de residencias. A Xunta de Goberno do día 26 aprobou adxudicar dous dos cinco lotes do contrato de subministro de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil por un importe de máis de 170.000 euros.
Segundo explicou en rolda de prensa o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, trala Xunta de Goberno, a aprobación deu luz verde á adxudicación dos lotes 1 e 5, correspondentes ao mobiliario xeral, adxudicado á empresa Industrias Hidráulicas Pardo S.L. por preto de 160.000 euros, e á cortinaxe, da que se ocupará Suministros Sanitarios SLU cun orzamento de case 13.000 euros. En ambos casos, a subministración realizarase nunha única entrega e nun prazo máximo de dous meses, unha vez asinado o contrato.
Coa adxudicación destes dous lotes, quedan tres para completar o subministro do equipamento necesario para a residencia de Ribas de Sil, que son os correspondentes aos equipos médicos e axudas técnicas; lavandería; e cociña. Rivera precisou que “se todo vai sobre o previsto, tamén se adxudicarán nas vindeiras semanas, porque as empresas que presentaron oferta xa están entregando a documentación solicitada polos servizos técnicos da área de Benestar para completar o procedemento e facer efectiva a adxudicación”.
O deputado de Promoción Económica e Social lembrou que o investimento total que fai a Deputación para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil ascende a preto dos 332.000 euros.
Con esta adxudicación, “seguimos dando os pasos necesarios, en tempo e forma, para poder cumprir co compromiso de abrir esta residencia neste ano 2022”, destacou Rivera, quen lembrou que a Deputación tamén traballa para poñer en funcionamento en outono o centro de Navia de Suarna.
O responsable provincial de Promoción Económica e Social adiantou que “chegaremos ao 2023 cun total de nove centros públicos en funcionamento», en referencia aos localizados en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. Rivera precisou que «7 destes centros foron abertos neste mandato, o que demostra claramente o noso compromiso cos concellos, o elevado esforzo inversor que estamos facendo e o alto ritmo de xestión deste Goberno e de toda a institución”. Dende o organismo provincial precisaron que estes nove centros contarán con máis de 300 prazas asistenciais e manterán uns 230 postos de traballo directos, a maior parte, ocupados por mulleres.
Por outra banda, Pablo Rivera recordou que o Goberno provincial segue traballando para crear outras nove residencias en Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Folgoso do Courel, Ourol, Becerreá, Pantón e Cervantes. “Dende a Deputación de Lugo, en colaboración cos Concellos, estamos conseguindo un enorme avance na mellora das condicións de vida no noso rural, tanto nos servizos públicos como na actividade económica, o que axuda de maneira determinante a fixar poboación no territorio”, destacou Rivera. O deputado criticou que «a Xunta non está aportando absolutamente nada, incumprindo o que lle corresponde por Lei», xa que, «segundo o Estatuto de Autonomía, as competencias en servizos sociais son da Comunidade Autónoma».•