Comeza unha nova campaña no xacemento de Penas do Castelo en Salcedo

• Os traballos, financiados pola Xunta, dan continuidade aos do pasado ano que sacaron á luz unha muralla de seis metros de ancho e permitiron datar a ocupación e habitación na Idade de Ferro

Xa está todo preparado para a segunda escavación en Penas do Castelo, Salcedo, A Pobra do Brollón. Comeza a campaña coa visita este mediodía do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Teddy López, así como representantes da Asociación Veciñal.
A segunda escavación en Penas do Castelo arranca despois de que en decembro se presentasen as datacións acadadas na campaña impulsada pola Xunta de Galicia o verán pasado e que resultaron tremendamente sorprendentes pola súa antigüidade. Na primeira campaña, os traballos centráronse na zona da muralla revelando un sistema construtivo con solucións realmente orixinais e un aspecto monumental. Tomáronse varias mostraxes para poder datar a muralla por Carbono-14 e aí estaba a sorpresa: unha datación do século IX a.C. no extremo de datación máis antigo.
Deste xeito o que non se sabía se era castro ou castelo altomedieval, resultou ser un dos castros máis antigos do noroeste peninsular, xusto no inicio da aparición deste tipo de poboados permanentes. “Estamos nun período de transición entre a Idade do Bronce e a do Ferro, complexo” comenta o director da intervención, Benito Vilas de Árbore Arqueoloxía.
Aínda queda moito por saber do xacemento, de aí esta segunda campaña de escavación. “Unha vez temos o cando, queremos saber o por que” sinala Vilas. Existe a hipótese de que o xacemento está vinculado á explotación de mineral, probablemente ferro, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o pouco material que ten
aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral. As sondaxes deste ano pretenden atopar máis indicios das actividades que se levaban
a cabo no xacemento. “O xacemento está nun lugar case inaccesible e de gran pendente, tivo que haber algo de gran importancia que levase a establecelo nun lugar tan inhóspito”.
Para a elección definitiva das sondaxes da presente campaña, o lume foi determinante. O xacemento ardeu no incendio que afectou en xullo á Pobra do Brollón e Folgoso do Courel. “O lume pasou rápido por el e non afectou ás estruturas” comenta Benito. Porén, eliminou a vexetación existente, permitindo detectar novas estruturas e afinando a situación das sondaxes.

Arqueoloxía de aldea
A escavación forma parte dun proxecto veciñal que pretende poñer en valor o Patrimonio da parroquia, coñecida polo Entroido do Oso de Salcedo. Deste xeito, a semana pasada celebrouse a Semana Cultural de Salcedo que xa se recuperara o ano pasado e entronca co pasado cultural e asociativo da parroquia. De feito, unha das actividades foi a reivindicación da revista La Voz de Salcedo, unha revista editada pola Asociación Veciñal. Ademais, houbo dúas charlas nas cantinas da aldea, unha andaina nocturna con observación de estrelas e un concerto coral do músico Ale, veciño de Salcedo, xunto con amigos e familiares da parroquia. “A esencia do proxecto é o carácter comunitario, que a xente se vincule e crear un círculo en torno aos elementos patrimoniais” comenta Marisa Defente, da directiva da A.V. de Salcedo e da Comunidade de Montes de Salcedo. Ao longo de setembro está prevista a realización de máis actividades divulgativas e ligadas ao Patrimonio que se irán desvelando pouco a pouco.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PP expresa a súa vontade de colaborar para deseñar un orzamento consensuado na Deputación para o próximo ano

Seguinte Nova

A Deputación adxudicou por máis de 170.000 euros parte do equipamento da residencia de Ribas de Sil

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss