O pleno do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra reuníase a última hora do pasado 31 de agosto para decidir a data recomendada para o inicio xeneralizado da vendima na Denominación de Orixe.
Os resultados dos controis de maduración nas viñas, que desenvolveu o equipo técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe durante os días previos, permitiron determinar o estado da uva e definir a data oficial para o inicio da vendima nesta campaña. Estes controis de maduración na D.O. Ribeira Sacra fixéronse en parcelas representativas das cinco subzonas da D.O. (Amandi, Chantada, Ribeiras do Sil, Ribeiras do Miño e Quiroga-Bibei) e con todas as variedades de uva acollidas á mesma.
Sen perxuízo de que algunha adega poida comezar a recollida de uva con anterioridade se as súas uvas teñen as condicións adecuadas, á vista da información obtida, o pleno do Consello Regulador decidiu como data oficial para esta campaña, o 15 de setembro, prolongándose previsiblemente a recollida da uva ata outubro.
Cos datos que manexa o C.R.D.O. Ribeira Saca, espérase poder chegar ao redor dos 6 millóns de quilos de uva. Cabe lembrar que o pasado ano a data oficial de inicio tamén foi o 15 de setembro e finalizaba a vendima o 20 de outubro.
PENDENTES DA CLIMATOLOXÍA
Nas últimas semanas de agosto algunha adega realizou traballos puntuais de vendima, tendo recolleitos ata ese momento case 11.000 quilos de uva, principalmente Godello con 8.141 quilos. Séguenlle: Merenzao, 1.429 quilos e Albariño, 1.285 quilos.
Durante os próximos días, viticultores e adegueiros, estarán pendentes da climatoloxía para decidir como planean a súa vendima. •