• O seu obxectivo é conseguir representación nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías, sumar outras novas, manter e mellorar resultados nos concellos onde non gobernamos e asegurar a continuidade dun goberno progresista presidido por socialistas na Deputación de Lugo
Os socialistas lucenses encaran o inicio do curso político co compromiso “de seguir traballando día a día para mellorar a vida dos lucenses. Política de feitos e non de anuncios, diálogo coa xente, cos axentes sociais e coas familias. Unha aposta clara polos servizos públicos, polas políticas sociais, polo rural, polo tecido produtivo, o sector primario, a industria, o comercio e o turismo”. Así o indicou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, durante un encontro cos medios de comunicación no que adiantou as liñas de traballo e os obxectivos para un curso político que desembocará nasas eleccións municipais de maio do 2023 e a conseguinte renovación das corporacións locais e provincial.
O partido, recalcou José Tomé, encara o ano político cun partido “forte, unido, con homes e mulleres con capacidade, ideas e recursos” para mellorar os resultados das municipais. Actualmente, os socialistas gobernan ou cogobernan en 31 dos 67 concellos da provincia, que aglutinan a maioría social da provincia porque suman un 65% da poboación lucense. “No ano 2019 tivemos uns resultados moi bós, pero non nos conformamos. Lugo merece máis. Lugo merece máis socialismo porque así iralle mellor á xente”, dixo Tomé.
José Tomé criticou as “vacacións permanentes da Xunta” durante os últimos 13 anos. “O PP carece de proxecto para esta provincia. A súa resposta ós problemas dos lucenses é sempre o escapismo, negar a súa responsabilidade e finxir que nada é competencia súa. Fan moi ben de comentaristas para saber o que pasa, pero non aportan ningunha solución para os problemas da sociedade galega. E os alcaldes do PP na provincia seguen estas directrices e calan. Calan ante o desmantelamento dos servizos públicos ou ante a desertización industrial da provincia, xa que son disciplinados”. José Tomé incidiu en que “existe outra forma de facer política, outro xeito de xestionar, que é o que estamos a facer os socialistas, aportando accións concretas alí onde gobernamos e propostas construtivas onde somos oposición. E estamos sempre dispostos a colaborar con todas as institucións”, insistiu. Nesa liña, aludiu as medidas aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez para transformar a economía e ao mesmo tempo, protexer ás familias e a maioria social. “Non é o mesmo que goberne o PSOE que o PP, co goberno socialista subíronse as pensións en relación á suba do IPC, subida do Salario Mínimo, a reforma laboral, a bonificación do combustible ou o imposto ás grandes enerxéticas ou aos bancos”. Os socialistas podemos mirar á cara aos veciños “cumprimos a palabra dada con feitos concretos e non con promesas baleiras. O PP non ten proxecto para a nosa provincia, anda a salto de mata e a foto de bache, eso é o que ofrece nos concellos”, incidiu Tomé Roca.•