A farmacéutica Kern Pharma instalarase no Polígono do Reboredo en Monforte

• Logo da xestión iniciada polo Alcalde José Tomé Roca fai cinco anos, e a boa colaboración entre todas as administracións implicadas, o grupo farmacéutico investirá 33 millóns nunha nova planta de produtos inxectábeis

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López, o alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o presidente do grupo Indukern, José Luís Díaz-Varela e o Vicepresidente executivo do Grupo Indukern e Presidente de Kern Pharma Raúl Díaz-Varela . Foto GPXG.

Unha chamada telefónica feita fai cinco anos polo Alcalde de Monforte José Tomé Roca ao presidente do grupo Indukern, José Luís Díaz-Varela, un monfortino de nacemento que levaba case toda a súa vida lonxe da terra que o veu nacer, foi a semente que serviu de punto de partida para o novo proxecto empresarial que a multinacional farmacéutica vai desenvolver no Polígono do Reboredo de Monforte. Nunha recente reunión que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, que contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López, o alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, así como o presidente do grupo Indukern, José Luís Díaz-Varela e o Vicepresidente executivo do Grupo Indukern e Presidente de Kern Pharma Raúl Díaz-Varela, deuse a coñecer este proxecto que se iniciará no primeiro trimestre de 2023 coa construción dunha planta de produtos inxectábeis en Monforte de Lemos. Esta nova fábrica permitiralle a Kern Pharma triplicar a súa capacidade de produción e crecer no mercado dos medicamentos éticos e xenéricos, tanto nacional como internacionalmente.
A nova planta supoñerá un investimento inicial de 33 millóns de euros. Ademais das zonas de fabricación, as instalacións contarán con laboratorios, área loxística e espazo de oficinas. En total, as instalacións ocuparán unha superficie de 14.000m2.
José Luis Díaz-Varela mostrou a súa confianza en que “esta planta non soamente impulse o crecemento de Kern Pharma e do Grupo Indukern, senón que tamén teña un impacto positivo no territorio, dinamizando o desenvolvemento económico, social e a xeración de emprego da zona” e agradeceu a todas as administracións, tanto locais como autonómicas, o seu apoio e colaboración para que esta planta sexa unha realidade: “Como Monfortino, este proxecto é unha gran satisfacción para min e estreita aínda máis a relación da nosa familia e a do noso grupo empresarial con Monforte e con Galicia”. Pola súa parte o Alcalde de Monfote José Tomé Roca, na súa intervención, salientou que “hoxe é un día importante para o Concello de Monforte, e para a comarca de Lemos, porque hoxe damos a coñecer un proxecto empresarial que aposta por investir en Monforte nun proxecto innovador y que suporá, sen lugar a dúbidas, un antes e un despois na evolución económica da nosa cidade e do sur da provincia de Lugo”.
O proxecto consolidouse e chegou a bo fin tras 5 anos de xestións e negociacións do Alcalde monfortino cos responsables do Grupo Indukern. Neste senso, José Tomé sinalou “hoxe é un día especial para o Concello de Monforte, porque estas xestións teñen un final feliz, que van permitir que se materialice nunha nova planta de inxectables de Kern Pharma no Reboredo”. No remate da súa intervención, José Tomé, agradeceu a colaboración do IGAPE neste proxecto, reiterou o seu agradecemento, en nome dos veciños e veciñas de Monforte, ó Presidente do Grupo Indukern e ó Vicepresidente executivo do Grupo Indukern e Presidente de Kern Pharma, polo seu compromiso e implicación con Monforte de Lemos e co seu polígono industrial de O Reboredo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o interese da multinacional Kern Pharma por asentarse en Galicia como unha demostración do potencial da Comunidade no sector farmacéutico. Rueda valorou positivamente a aposta por Galicia dun referente mundial na distribución de produtos químicos. O presidente comprometeu o pleno apoio da Xunta ao proxecto, que prevé xerar 50 postos de traballo directos e alcanzará unha produción de 50 millóns de unidades –ampoias e viais, entre outros— na súa primeira fase. Nun prazo de tres anos, subliñou, a fábrica permitirá distribuír desde Monforte ata toda a Unión Europea milleiros de produtos farmacéuticos, o que axudará a consolidar e visibilizar a fortaleza do sector en Galicia, ademais de dinamizar a economía local. Rueda apelou á colaboración de todas as Administracións implicadas para levar adiante o proxecto e agradeceu a toda a directiva da empresa, especialmente ao presidente e fundador do Grupo Indukern, José Luis Díaz-Varela, por escoller a súa terra natal para instalar esta planta.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O problema da ocupación: quén lle porá o axóuxere ó gato?

Seguinte Nova

Galicia xa dispón dun calendario unificado de vacinas para toda a vida

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: