A gratuidade das escolas infantís en Galicia, un gran avance na conciliación e na educación de 0 a 3 anos

• A Xunta destina máis de 50 millóns de euros este curso para facer realidade esta medida da que se benefician arredor de 31.000 nenos

A medida tamén suporá un respiro para as economías dos fogares nun momento no que o custe da vida está polas nubes cunha elevada inflación. (Foto GCXG)

As escolas infantís son un espazo para a aprendizaxe e a socialización dos máis pequenos cada vez máis demandado polas familias, así como unha ferramenta fundamental para facilitar a conciliación, unha tarefa que non hai moito tempo recaía maioritariamente nas mulleres e que supoña en moitos casos renunciar ás súas carreiras profesionais.
Este curso é o primeiro no que a atención educativa de 0 a 3 anos en Galicia é totalmente gratuíta no 100% dos centros, con independencia de que sexan públicos, de iniciativa social ou privados.
Este feito converte a Galicia nunha referencia nacional neste ámbito. A gratuidade facilitará que as nais e pais compaxinen mellor as súas vidas laboral e familiar. Pero tamén é unha medida importante para as economías dos fogares, máis nun contexto como o actual no que os prezos están polas nubes. Neste sentido, a iniciativa garante que todas as familias que o desexen, sexa cal sexa a súa situación económica, podan levar aos seus fillos a unha escola infantil, xa que non lles supón un euro dos seus petos. Estas aforrarán entre 1.500 e 2.000 euros por curso e neno.
A Xunta destina este curso máis de 50 millóns de euros de fondos propios para facer realidade a gratuidade. Arredor de 31.000 nenos se benefician desta medida, repartidos entre as aproximadamente 600 escolas infantís que hai en funcionamento en Galicia, sumadas as que dependen da Xunta, dos Concellos, as que son de iniciativa social e as de titularidade privada. Na totalidade destes centros, en todos os cursos e para todo o alumnado de 0 a 3 anos, ofrécese ás familias atención educativa gratis ata un máximo de oito horas, que é a xornada completa, e durante todo o ano, agás no mes de agosto, cando moitas escolas pechan.
Unha vantaxe á que as familias se poden acoller sen que teñan que presentar ningún papelame, xa que é a Administración autonómica a que xestiona directamente a gratuidade coas escolas infantís.

Vocación de permanencia
O Executivo galego defende que este avance no apoio ás familias e no coidado á infancia é estrutural, ten vocación de permanencia e non ten volta atrás. De feito, a implantación da gratuidade comezou en abril de 2020 aplicándose aos segundos fillos e sucesivos, e tras a boa acollida que tivo esta decisión entre o sector e, obviamente, entre as familias, decidiuse ampliala aos primoxénitos. Polo tanto, o feito de que hoxe en Galicia a atención educativa de 0 a 3 anos sexa totalmente de balde supón unha realidade sen precedentes no conxunto de España. Unha medida coa que se apoia a todas as familias, sexan cales sexan as súas características, se fomenta a conciliación e a igualdade de oportunidades.
Ademais, a gratuidade non soamente dá cobertura ás familias que residen ou traballan en concellos que teñen escolas infantís. Tamén chega a aquelas que viven en municipios máis pequenos que carecen deste tipo de centros a través das Casas niño, pequenas escolas gratuítas nas que se atende a un máximo de cinco nenos.

Ao carón das familias
Estas medidas poñen o acento no que é un dos eixos de actuación prioritarios da Xunta de Galicia: arroupar ás familias que deciden ter un fillo. A elas diríxense programas como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida. Co primeiro axúdaselles a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade laboral, e que tamén pode ser empregado para sufragar campamentos, ludotecas ou servizos semellantes. Coa Tarxeta Benvida, ofréceselles unha importante achega económica para colaborar nos custes que supón o nacemento dun fillo. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Galicia xa dispón dun calendario unificado de vacinas para toda a vida

Seguinte Nova

A Vicepresidencia da Deputación conmemorou o 120 aniversario do nacemento de Maruja Mallo coa proxección dun documental e un coloquio sobre a súa traxectoria vital e artística

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: