A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, inauguraron o pasado 20 de setembro en Chantada a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Galicia”, que nos últimos meses está a percorrer a xeografía lucense co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A Praza do Mercado acollerá ata o vindeiro 3 de outubro esta mostra que relata a historia da compra, restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida. A vivenda, abriuse o público por primeira vez en xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa. e nos seguintes meses completouse a musealización inicial, incorporando, entre outros elementos, mobiliario cedido pola familia de Rosalía de Castro.
A exposición chega Chantada tras pasar por Lugo, Monforte, Ribadeo, Foz e Vilalba. Unha itinerancia que a vicepresidenta da Deputación de Lugo valorou como “unha mostra de colaboración entre as distintas institucións e o asociacionismo para reivindicar a Rosalía de Castro como referente cultural pero tamén como muller comprometida socialmente e pioneira do feminismo” e animou á veciñanza da vila e da comarca “a achegarse a exposición, que dá conta do poder mobilizador da figura de Rosalía e da súa obra en pleno franquismo”.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira aproveitou a súa intervención para afondar nos contidos dos paneis da mostra: textos e reproducións de documentos e fotografías que marcan os fitos que converteron a apertura da Casa da Matanza nunha “vitoria común” do galeguismo e que se presentan nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa.
A mostra, comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, artéllase en seis capítulos:
- A casa e o tren: o porqué da elección da morada.
- Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885.
- Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940.
- A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946.
- O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”.
- A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de miles de galegas e galegos.
A itinerancia da exposición enmárcase na programación que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven desenvolvendo para divulgar e poñer en valor a obra de Rosalía de Castro e que inclúe representacións teatrais e intervencións artísticas en diferentes localidades da man de asociacións e centros educativos.•