Chantada, Monforte e Folgoso do Courel protagonistas de proxectos culturais ao amparo do Fondo Territorio Cultura

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu aos concellos, empresas e asociacións do novo programa Territorio Cultura dirixido ao rural. Foto Xoán Crespo

A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, foi o escenario da xuntanza que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo esta mañá cos responsables dos 15 primeiros proxectos subvencionados pola Xunta ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura, dotada con inicialmente 630.000 euros para ampliar e diversificar a oferta cultural do rural galego. Prevese tamén a súa continuidade cunha segunda quenda desta convocatoria de subvencións en 2022 co mesmo investimento, o que eleva o importe a case 1,3M€
O conselleiro de Cultura trasladoulles os parabéns en nome do Goberno galego polo importante labor de revitalización do rural que implican as súas respectivas iniciativas, en liña co espírito co que se puxo en marcha este novo programa para impulsar a dinamización cultural en concellos de ata 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu tamén a esta reunión, na que participaron os organizadores das oito propostas apoiadas na categoría para iniciativas privadas, así como os concellos da Estrada, Chantada, Frades, Monforte de Lemos, Portomarín e Vedra en representación dos sete concellos adxudicatarios na modalidade para entidades locais.
Na modalidade destinada ás entidades locais, entre os beneficiarios están os concellos da Chantada para as actividades do Verán cultural; Portomarín para conxugar danza e literatura en Portomariñeando: tecer libros e bailar; e Monforte de Lemos para a organización dos seus circuítos de artesanía e música galega.
Polo que respecta á categoría para proxectos de iniciativa privada, no sur de Lugo, apóianse a programación expandida do Festival dos Eidos, organizada pola Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel, con recitais poéticos, exposicións, rutas culturais, obradoiros, estreas audiovisuais e unha residencia literaria; o proxecto de produción en arte contemporánea Vilaseco na aldea, cos obradoiros, encontros e residencias que a galería Vilaseco desenvolve na aldea chantadina de San Cristovo de Mouricio; Aldearmos, proxecto cooperativo no que participan 15 entidades das provincias de Lugo e Ourense que integran a Rede Aldear para xerar sinerxías entre os axentes socioculturais do interior galego; ; a proposta A ollada de Gustav, da compañía escénica aAntena, cunha vintena de actividades en 14 concellos do Camiño para poñer en valor o acervo cultural local a partir do traballo do antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia, e o ciclo Ourizofest de seis concertos de cámara e outras accións paralelas en Castroverde, Friol, Guntín, Palas de Rei, Samos e Portomarín.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte presenta a súa programación teatral para o segundo semestre do ano

Seguinte Nova

O Programa Activa de Monforte oferta un ambicioso e completo programa de actividades

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: