Galicia xa dispón dun calendario unificado de vacinas para toda a vida

• Este novo calendario entrou en vigor o 15 de setembro • Incorpora tres novas inmunizacións para a poboación infantil • A medida suporá un incremento de case 5 millóns de euros no investimento anual

O novo calendario de vacinación ao longo da vida púxose en marcha en Galicia o pasado 15 de setembro.

•Dende mediados deste mes, Galicia conta cunha programación de vacinas que incorpora nun mesmo calendario as pautas que se viñan destinando á poboación infantil máis as previstas para a idade adulta. O obxectivo principal desta nova planificación é mellorar a protección fronte a enfermidades transmisibles, ao tempo que aumenta a equidade no acceso á inmunización.
Así mesmo, o feito de englobar o calendario infantil co de vacinación adulta busca concienciar á poboación da importancia das vacinas como principal prevención fronte ás enfermidades infecciosas ao longo de toda a vida, acabando coa idea de que as vacinas son algo exclusivo da etapa infantil.

MÁIS DE 23,6 MILLÓNS PARA VACINAS EN 2023
Este novo calendario vacinal leva aparellado un incremento do investimento anual de case 5 millóns de euros, o que significa unha dotación de máis de 23,6 millóns de euros para a estratexia de vacinación de 2023.

MÁIS POBOACIÓN PROTEXIDA FRONTE AO VIRUS DO PAPILOMA, O MENINGOCOCO B
E A GRIPE
Unha das novidades deste calendario é a incorporación de novas vacinas, para dar cumprimento aos compromisos adquiridos pola Xunta o pasado mes de maio en prol da mellora da saúde dos galegos e galegas. Así, entra no programa a vacina contra o virus do papiloma humano para os varóns de 12 anos. Tamén se incorpora ao calendario a protección contra o meningococo B e a vacina contra a gripe nos nenos e nenas de 6 a 59 meses.

A VACINA CONTRA O VIRUS DO PAPILOMA HUMANO, AGORA TAMÉN PARA OS HOMES
A introdución no calendario da vacina fronte ao virus do papiloma humano para os varóns de 12 anos supón aumentar a cobertura de protección a un maior segmento poboacional, dado que a vacina nas nenas xa leva instaurada en Galicia hai anos. Dende setembro deste ano, os nenos nados a partir do 1 de xaneiro de 2010 recibirán dúas doses desta vacina cun intervalo de seis meses.
Para incorporar esta vacina no calendario, a Xunta vén de destinar 1.350.000 euros máis ao orzamento anual.

INCREMENTO DA PROTECCIÓN FRONTE ÁS PATOLOXÍAS POR MENINGOCOCO
A inclusión da vacina contra o meningococo B supón facer fronte con máis cobertura a unha variante infecciosa que pode xerar patoloxías moi graves, como a meninxite. En Galicia, o calendario contemplaba a vacinación fronte a outros serotipos do meningococo, pero a variante B non estaba financiada ata o de agora polo sistema público, agás nalgún grupo de risco.
Deste xeito, vanse administrar dúas doses, aos 2 e aos 4 meses de idade, e outra dose de recordo aos 12 meses. A aplicación desta vacina comezará o 1 de novembro de 2022 nos nenos e nenas nados a partir do 1 de setembro de 2022.
O orzamento previsto para esta nova vacina é de 2.850.000 euros ao ano.

REDUCIR OS CONTAXIOS E A HOSPITALIZACIÓN INFANTIL POR GRIPE
As novidades no calendario de vacinación inclúen a inmunización contra a gripe nos nenos e nenas de 6 a 59 meses, debido ás altas taxas de hospitalización por esta causa nesta banda de idade. Ademais, a vacinación antigripal dos máis novos contribúe a frear a enfermidade noutros grupos de poboación, ao reducir de xeito notable os contaxios aos maiores.
En canto ás datas, a vacinación antigripal para nenos e nenas comezará na mesma campaña de 2022, e suporá un investimento de 762.000 euros.

VACINA AGORA TETRAVALENTE AOS 12 MESES
Por último, introdúcese a partir do 1 de novembro a vacina contra o meningococo dos serotipos ACWY, para substituír á que se poñía aos 12 meses contra o meningococo C. Este cambio á vacina tetravalente xa se fixera en 2019 na dose recomendada aos 12 anos.

COBERTURA DE MÁIS DO 90% NA MAIORÍA DAS VACINAS
O Programa galego de vacinación está en constante proceso de ampliación para dar cobertura fronte ás enfermidades infecciosas durante toda a vida, dende que en 1981 se implantou o primeiro calendario infantil e en 2017 o primeiro calendario vacinal para adultos. Na actualidade, e segundo datos do Ministerio de Sanidade, o Programa de vacinación en Galicia acada unha cobertura superior ao 90% na maioría das vacinas integradas no calendario. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A farmacéutica Kern Pharma instalarase no Polígono do Reboredo en Monforte

Seguinte Nova

A gratuidade das escolas infantís en Galicia, un gran avance na conciliación e na educación de 0 a 3 anos

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: