Dende a Xunta de Galicia amosaron o seu recoñecento ao esforzo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) a prol do coidado do medio ambiente mediante o control e a certificación das producións da agricultura ecolóxica, unha tarefa fundamental para poñer en valor a calidade do produto e a información ao consumidor. Así o salientaron os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; do Medio Rural, José Gonzalez, e do Mar, Rosa Quintana durante a súa participación no acto conmemorativo polo 25 aniversario da entidade. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor a colaboración de Craega en cuestións como a loita fronte ao cambio climático, a aposta pola economía circular e o aproveitamento sustentable dos recursos naturais. E, a maiores, incidiu no “importante papel” da agricultura ecolóxica na planificación do futuro de Galicia en clave de sostibilidade, unha cuestión na que a Xunta vén traballando con iniciativas como a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.
Ademais, a agricultura ecolóxica representa un modelo a seguir xa que vai ser fundamental para acadar a neutralidade en carbono e mellorar a resiliencia no noso territorio. “Contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro ao diminuír a aplicación de fertilizantes”, salientou Ángeles Vázquez, que lembrou que Galicia é unha das tres comunidades que máis reduciu as súas emisións respecto a 1990.
De cara ao futuro, Ángeles Vázquez avanzou que o sector agrogandeiro será considerado como prioritario na futura Lei do clima de Galicia, coa que se pretende outorgar rango legal ás políticas da Xunta para afrontar o cambio climático. E, nesa liña, animou ao Craega a asinar a Alianza Galega polo Clima, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e que conta xa cunhas 30 entidades adheridas.
Evolución da agricultura ecolóxica
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou a máis que significativa evolución da agricultura ecolóxica en Galicia durante os últimos anos. Así, salientou as máis de 45.000 hectáreas certificadas que hai a día de hoxe, os máis de 1.500 operadores ecolóxicos -entre produtores, elaboradores e comercializadores- e os preto de 113 millóns de euros de valor económico estimado. Unhas cifras, incidiu, que confirman que a produción ecolóxica en Galicia está máis que consolidada, pasando de ser unha moda a unha tendencia actual. Por iso, dende a Xunta apóstase por esa calidade diferenciada, que protexe e posiciona de forma positiva os produtos galegos nos mercados nacional e internacional. Así, para reforzar esa posta en valor dos produtos de calidade, o conselleiro sinalou que o seu departamento está traballando na Lei da calidade alimentaria -o Consello da Xunta vén de aprobar a remisión desta norma ao Consello Económico e Social de Galicia-, que rexerá a calidade diferenciada e permitirá mellorar, integrar e desenvolver a súa regulación. Ademais, puntualizou, a través desta lexislación asentaranse as bases da produción de proximidade, a produción san e sostible e a produción de calidade que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico. Por último, o titular de Medio Rural fixo fincapé no requisito europeo de incrementar a superficie agraria útil en produción ecolóxica ata chegar, polo menos, ao 25% para 2030. Destacou o traballo a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que pon á disposición ferramentas como os polígonos agroforestais ou, incluso, as aldeas modelo para seguir crecendo no eido agrario. •