O problema da ocupación: quén lle porá o axóuxere ó gato?

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse está semana co delegado do Goberno en Galicia José Miñones para falar sobre o impacto deste fenómeno na Comunidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o delegado do Goberno en Galicia José Miñones durante a reunió mantida esta pasada semana. Foto GPDG.

O problema da ocupación ilegal de vivendas é un dos que máis preocupan á poboación galega, que en moitas ocasión síntese ameazada e indefensa, ante unha realidade que está a crecer na sociedade actual. Para abordar esta cuestión, reuníronse na Coruña a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o delegado do Goberno en Galicia José Miñones.
A conselleira, en nome da Xunta de Galicia, volveu reclamar ao Goberno central que actúe de forma eficaz e contundente para frear o fenómeno da ocupación de vivendas impulsando unha reforma lexislativa que, entre outras cuestións, endureza as penas contra os responsables deste tipo de accións e garanta a máxima axilidade á hora de desaloxar os inmobles ocupados. Esta foi a súa principal demanda ao delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, con quen se reuniu por primeira vez desde que asumiu o cargo, hai ano e medio.
Despois de subliñar a necesidade de traballar desde as administracións públicas para ofrecer un marco xurídico estable e duradeiro fronte ao fenómeno okupa, Ángeles Vázquez fixo fincapé na dimensión social do problema, que afecta non só aos propietarios dos inmobles, senón tamén á veciñanza dos barrios e zonas que concentran un maior número de casos e á sociedade en xeral, xerando inquedanza e inseguridade.
Así llo trasladaron nos últimos meses as principais federacións e asociacións veciñais de Galicia, que comparten a preocupación da Xunta e demandan as reformas normativas a nivel estatal que sexan necesarias para facer fronte ao aumento das ocupacións.
En concreto, os puntos clave da demanda da Xunta son outorgar ás comunidades de veciños o dereito a actuar perante a xustiza en caso de ocupación; arbitrar mecanismos xurídicos que garantan o desaloxo cautelar do inmoble nas primeiras horas; endurecer as penas tanto para disuadir aos okupas como para acabar coa sensación de impotencia dos afectados; e lograr un marco normativo que poña freo a esta situación.
Pola contra, a responsable autonómica lamentou que, a pesar de que o seu departamento leva máis de dous anos advertindo da problemática que están a xerar as ocupacións ilegais en contornas residenciais de todo o país, o Executivo central parece non compartir esta mesma inquedanza.

POSICIÓN DO GOBERNO
Pola súa banda, José Miñones incidiu en que o Goberno traballa intensamente para garantir un dereito básico: o de acceder a unha vivenda digna, como unha das medidas fronte á ocupación ilegal de inmobles, cuxa incidencia en Galicia avaliou coa conselleira.
O delegado trasladou unha mensaxe de tranquilidade en Galicia, onde as 110 ocupacións ilegais rexistradas ata metade de ano son só o 1% do total de España e representan o 0,19% do total de delitos cometidos na Comunidade. Insistiu en que ningunha destas responden a organizacións criminais ou movementos radicais e que a totalidade eran inmobles deshabitados, propiedade de entidades bancarias ou sen propietarios coñecidos, e onde non media denuncia.
Con todo, José Miñones explicou que o Goberno é consciente da preocupación que xera este fenómeno: “cada un dos casos preocúpanos, pero témolos detectados e estamos en comunicación permanente coa veciñanza”.
O delegado apuntou que o Goberno traballa con medidas de carácter normativo e operativo xunto a un escudo social “sen precedentes” dado que “ na súa maioría, detectamos que detrás destas ocupacións están colectivos vulnerables e en exclusión social”. Entre outras, lembrou a moratoria na subida do prezo dos alugueiros, subida do Ingreso Mínimo Vital e de pensións non contributivas e paga compensatoria de 200 euros a rendas baixas, ademais de diminución de impostos nas subministracións básicas.
A estas medidas únese a política de vivenda, “por iso insistimos nesta colaboración coa Xunta, que asume a competencia en vivenda, e achegamos os fondos necesarios para que a administración autonómica materialice este dereito na Comunidade”.
Como podemos ver, ao final, uns por outros, a casa sen varrer.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Volve o servizo «Concilia»en Sober

Seguinte Nova

A farmacéutica Kern Pharma instalarase no Polígono do Reboredo en Monforte

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss