O PSdeG e o BNG denuncian as carencias da atención primaria na provincia

• O Pleno da Deputación de Lugo, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, aproba unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria

Encontro dos socialistas lucenses cos alcaldes, e voceiros municipais socialistas dos 67 concellos da provincia. Foto PSdeG.

Nun recente encontro do Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca cos alcaldes e voceiros municipais socialistas dos 67 concellos da provincia co obxectivo de analizar, municipio por municipio, a situación da sanidade e da educación públicas, ao que asistiron a práctica totalidade dos alcaldes e voceiros socialistas da provincia, Tomé Roca constatou que o 80% dos concellos da provincia sofre a día de hoxe graves carencias de persoal en Atención Primaria e Pediatría, “unha situación moi preocupante producida porque a Xunta non cubre nin as vacacións, nin as baixas, nin as xubilacións”. , Tomé Roca incidiu en que “a Atención Primaria e da Pediatría na provincia de Lugo son especialmente graves. A política da Xunta tradúcese en falta de médicos, pediatras e persoal de enfermería. O impacto no rural é moi preocupante”. E lembrou que o “PP pechou os centros de saúde de Castro, en Carballedo, o de Parga, en Guitiriz (só esta dispoñible o servicio de enfermería), e o de Castro de Rei”. Tamén aludiu situacións denunciadas polo PSdeG na Pontenova, Pantón, Abadín, Antas de Ulla, Ribadeo ou Barreiros, onde houbo só un médico para atender aos veciños, e tamén en Viveiro, onde estes días só houbo dúas ou tres médicas, nunha plantilla de 10, é dicir, ó 30% do cadro de persoal.
En contraposición “ós recortes e pésima xestión do PP en materia sanitaria”, o líder dos socialistas na provincia puxo en valor as políticas do Goberno de Pedro Sánchez, como a recuperación da sanidade pública universal e gratuíta “para todas as persoas que viven no noso país e que o goberno do PP eliminara, ou a eliminación do copago farmacéutico para 6,8 millóns de persoas: pensionistas de baixos ingresos, perceptores da Renda Mínima Vital e menores con discapacidade. Así como a proposta de estabilización do emprego que limita a temporalidade no sistema público de saúde, que beneficiará a máis de 67.000 profesionais”.

O BNG SACA ADIANTE A SÚA MOCIÓN DE APOIO Á ILP DE MEDIDAS URXENTES EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA
Cos votos a favor do BNG e PSdeG, e o voto en contra doPartido Popular, o pleno provincial aprobou unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria proposta polo BNG. A formación nacionalista solicitou o apoio explícito da Deputación de Lugo á ILP promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que recolle as actuacións necesarias para garantir unha asistencia de calidade no sistema sanitario público. Entre elas, incrementar o persoal sanitario e administrativo dos centros de saúde; redimensionar os cadros de persoal incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá ou logopedia para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada; recuperar as Xerencias de Atención Primaria para dotalas de capacidade de planificación e autoxestión ou incrementar o orzamento de Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total.
O voceiro nacionalista Efrén Castro sinalou que “o Partido Popular leva anos recortando os recursos da Sanidade Pública Galega, especialmente na Atención Primaria, deixando ás veciñas e veciños da provincia sen a atención que precisan e levando o sistema público a un risco real de desmantelamento e privatización” e desde “o BNG entendemos que temos que frear estas políticas, tanto desde o ámbito social como desde o institucional”. Ademais de impulsar a ILP nas institucións, con mocións tamén nos concellos, o BNG está participando activamente na campaña de recollida de sinaturas con accións a pé de rúa.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) celebra o seu 25 aniversario

Seguinte Nova

Fernando Carlos Rodríguez elixido presidente dos populares sarriaos logo dun axustado resultado

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: