Os traballos no xacemento de Penas do Castelo sacan á luz unha entrada monumental

A actuación dá continuidade á impulsada o pasado ano na que se descubriu unha muralla de seis metros de ancho e permitiu datar a ocupación e habitación na Idade de Ferro. Fotos GPXG

Os traballos no xacemento de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón, sacan á luz dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento.
A primeira sondaxe realizada ao abeiro desta actuación permitiu descubrir un muro exterior, situado fóra da muralla principal, que resultou ser unha primeira muralla defensiva de case un metro de grosor, e unha entrada a un recinto intermedio entre as dúas murallas. A segunda sondaxe, pola súa banda, sacou á luz as dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento. Trátase de dúas estruturas excepcionais das que existen poucos exemplos con este nivel de monumentalidade e petrificación en relación á datación feitas o pasado ano. Ademais, combinadas crean un acceso ao nivel de monumentalidade da muralla principal que reforza a inexpugnabilidade deste misterioso xacemento.
Esta segunda campaña tamén incluíu unha terceira sondaxe nunha das terrazas interiores do xacemento na que se localizaron escouras de fundición e un nivel de palla-barro compacto do que se recolleron mostras para poder datalo.

Vinculación coa explotación mineral
Estase a analizar a funcionalidade dun xacemento situado nun entorno moi complicado, encaixado nunha pendente e que probablemente está vencellado á explotación de mineral, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral.
Esta segunda campaña arqueolóxica está a reforzar a monumentalidade do xacemento. A intervención, financiada pola Xunta de Galicia, dá continuidade a unha primeira escavación o ano pasado na que se conseguiu datar o xacemento no século IX a.C., resultando un dos castros coñecidos máis antigos de Galici.

Afianzando a historia de Salcedo
Tras o remate da escavación o seguinte paso será finalizar a consolidación das estruturas que quedarán á vista e serán un recurso visitable polo público.
Visitas guiadas e outro tipo de actividades divulgativas e comunitarias seguirán a facerse ao longo do ano relacionadas co xacemento e co patrimonio salcedao en xeral.“Para nós o xacemento é un factor para crear comunidade, ademais dun recurso turístico e de coñecer mellor a nosa paisaxe e a nosa historia” apunta Marisa Defente,
da directiva da Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo. De cara ao ano que vén, a previsión é a de realizar unha nova campaña ampliando a zona da entrada de cara á posta en valor e ampliando tamén a sondaxe do interior para esclarecer esa estrutura e polo tanto a funcionalidade do xacemento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Avanzan os traballos de mellora da vía LU-617 entre Monforte e Escairón

Seguinte Nova

Novo obradoiro dual de emprego para acondicionar zonas verdes da Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: