O Sergas comezou o pasado venres, día 7 de outubro, a administrar a cuarta dose da vacina contra a COVID-19 aos maiores de 85 anos. Pero a citación dos maiores de 85 anos nos puntos de vacinación masiva está a causar numerosas queixas entre os usuarios. Para moitos dos citados ter que percorrer bastantes quilómetros para acudir a recibir unha vacina, cando as doses anteriores lles foran administradas no seu centro de saúde supón un verdadeiro problema organizativo e un prexuízo económico. O Alcalde de Quiroga é un dos que amosa a súa disconformidade con esta medida. Desde o concello sinalan que «xente de Quiroga, de Ribas de Sil,.. de máis de 90 anos, tivo que estar a esperar o pasado domingo ás 13:00 h para que as vacinen. Necesitan que os leven os fillos, que os leve un taxi, cando en Quiroga temos un PAC, con profesionais estupendos e cun Centro de Saúde de Atención Primaria estupendo; e están a esperar a esta hora en Monforte para que os vacinen. Algúns xa non son de Quiroga, son das parroquias de Parteme, de Montefurado, de Enciñeira,… que están a unha hora de Monforte. Non teñen quen os leve, aínda encima esperar alí e despues traelos, un domingo». Isto é, -dio o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez-, «para que o que organizou este desaguisado, que o controle». •