Dende os medios de comunicación non sempre lle prestamos a atención que deberíamos aos deportes máis minoritarios, aínda que en moitas ocasións están cheos de historias de superación que ven merecerían ser coñecidas. Tal é o caso de Nuria López, quen vén de ser recibida polo Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
A verdade é que a súa traxectoria deportiva é digna de alabar. A atleta do Saviñao conseguiu 33 campionatos de España nas distancias de 200, 400 e 100 metros en cadeira de rodas, batendo ademais o récord de España ata 8 veces nas diferentes modalidades. José Tomé destacou que “o deporte é unha ferramenta moi poderosa para a integración e a inclusión das persoas con mobilidade reducida” e puxo en valor o exemplo da deportista do Saviñao, “que co seu esforzo e dedicación converteuse nunha gran campioa”. O mandatario provincial fíxolle entrega á campioa dunha figura gravada coa fachada do Pazo provincial para agradecerlle o seu labor de levar o nome da provincia por toda España. Nuría López, que facía ximanxia rítmica ata os cinco anos, cando foi atropelada por un coche, o que lle causou unha lesión medular que lle impediu volver a camiñar, é toda unha loitadora que compaxina o deporte ca súa profesión, é graduada en Dirección de empresas e finanzas, mentres prepara o seu seguinte obxectivo: participar no próximo campionato mundial. Todo un exemplo a seguir.•