As infraestruturas ferroviarias serán as grandes beneficiarias dos Presupostos Xerais do Estado 2023 na provincia

• Mentres os socialistas lucenses consideran que o Goberno de Sánchez segue cumprindo con Lugo, dende o PP pensan que os Presupostos esquecen as grandes infraestruturas que necesita a provincia, tanto de ferrocarril como en canto a autovías, e que non dan resposta ás necesidades da industria lucense

O Goberno vén de presentar no Congreso os Orzamentos de 2023. Contempla un gasto social récord, que alcanza os 266.719 millóns, sen contar os fondos europeos. Esa cifra ascenderá a 274.445 millóns contando cos recursos comunitarios
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, destaca que estas contas son «o mellor antídoto» contra a pobreza e a desigualdade e por primeira vez en máis de dez anos realízase unha achega de 2.957 millóns de euros ao Fondo de Reserva, destinado á denominada ‘hucha de pensións’, que reforza a sustentabilidade do sistema. Pero no que respecta ao ámbito local, cómo repercutirán estos orzamentos no noso territorio. En termos de investimento, a partida máis destacada son os 138 millóns de euros de execucións de obras de ADIF, para a renovación e a electrificación da liña Lugo-Monforte-Ourense; para a estación intermodal de Lugo; para a renovación da liña de Feve no tramo Ribadeo-Ortigueira; e para a renovación da liña de conexión con León.

VALORACIÓN DOS SOCIALISTAS LUCENSES
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este martes, nunha comparecencia para ofrecer a valoración dos socialistas de Lugo sobre os Orzamentos do Estado, acompañado da Secretaria de Organización na provincia, Pilar García Porto; dos deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro; e do Senador César Mogo, que cos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023, o Goberno de Pedro Sánchez “segue cumprindo con Galicia e coa provincia de Lugo, como vén facendo dende que comezou a gobernar no ano 2018”. “En momentos tan complexos, tanto pola pandemia, como polo volcán da Palma e agora pola guerra de Putin en Ucraína, fai uns Orzamentos investidores e profundamente sociais para continuar avanzando nas infraestruturas, e para garantir e fortalecer o noso Estado de Benestar”, asegurou. Tanto o presuposto do 2023, como os tres que aprobou anteriormente o Executivo de progreso de Sánchez, “demostran a diferencia abismal que existe entre o compromiso do Partido Socialista coa nosa provincia e o que tiña o Partido Popular, en dous aspectos, no nivel de investimentos consignados nos Presupostos e no nivel de execución, explicou José Tomé, quen puxo “exemplos claros” ao respecto.
Desta forma, lembrou, durante os 5 anos de Goberno de Pedro Sánchez, a provincia de Lugo recibiu dos Orzamentos do Estado máis do triple de fondos que nos últimos 5 anos do Goberno do Partido Popular con Rajoy (334M€ entre 2014 e 2018, fronte a 1.143M€ entre 2019 e 2023).
Así mesmo, co Partido Socialista, o gasto por habitante na provincia pasou de apenas 200€ no ano 2018 con Rajoy a en torno a 1.000€ no ano 2023 con Pedro Sánchez, que multiplicou por catro o investimento anual destinado á provincia de Lugo nos Orzamentos do Estado entre o ano 2018 e este ano 2023 (pasando de 68,7 a máis de 300M€).
Destacou que “co Goberno de Pedro Sánchez, o AVE chegou a Galicia, e Lugo terá Alta Velocidade, sen ningunha dúbida, porque aí están os feitos. A día de hoxe, está facendo un investimento histórico, de 546M€, para a electrificación e mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense. De feito, o Adif xa ten licitado ou executado actualmente o 80% dos contratos para a modernización do trazado”. “As mentiras do PP neste asunto non aguantan a realidade. Os mesmos que paralizaron as obras do AVE, dedícanse agora a mentir, sen vergonza ningunha, dicindo que a Alta Velocidade non chegará a Lugo. Dende logo que, co PP, a Alta Velocidade non chegou a Lugo. Os feitos falan por si mesmos. O Goberno ten mobilizados máis de 546M€ para que Lugo se incorpore á Alta Velocidade coa modernización e a mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, uns proxectos que concentran o maior investimento que está facendo o Goberno de España en Galicia en materia de infraestruturas, e que permitirán chegar a Madrid no mesmo tempo que A Coruña e que Vigo”. Respecto a Autovía a Santiago, o Secretario Xeral dos socialistas lembrou así mesmo que entre os anos 2011 e 2015, “o Goberno de Rajoy só puxo en servizo 30 quilómetros da Autovía a Santiago (A-54), o que equivale a 6 quilómetros ao ano. Mentres, o Goberno de Pedro Sánchez executou dende o ano 2018 obras por valor de 332M€ nesta autovía, e nos Presupostos do 2023 están contemplados máis de 54M€ para seguir avanzando e tela terminada no ano 2024, cumprindo así co compromiso que manifestou recentemente en Lugo a Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera”. Ademais de “inversores”, destacou José Tomé Roca, os Orzamentos do Estado para o ano 2023 “son profundamente sociais, algo que beneficia de maneira directa e moi importante aos veciños e veciñas da nosa provincia”. O Secretario Xeral dos socialistas en Lugo puxo de exemplo as pensións: “Na provincia de Lugo hai 114.000 pensionistas, e o Goberno vailles subir a pensión un 8,5%, conforme ao IPC, o que supón que un pensionista medio cobrará uns 80€ máis ao mes e 1.120€ ao ano”. O importe que no ano 2023 dedica o Estado ás pensións na provincia de Lugo supera os 103M€, de forma que “o impacto desta medida é enorme”, sinalou.

VALORACIÓN DO PP LUCENSE
«Ou o presidente da Deputación de Lugo e Secretario provincial do PSdeG, José Tomé, vive nunha realidade paralela ou pretende enganar aos lucenses no que se refire ao proxecto de orzamentos do Estado para o 2023». Así o entenden na dirección provincial do PP, en resposta ás declaracións de José Tomé Son orzamentos, din no PP, que esquecen as grandes infraestruturas que necesita a provincia, tanto de ferrocarril como en canto a autovías, e que non dan resposta ás necesidades da industria lucense. Os populares din que, en materia de ferrocarril, Lugo queda fóra, non xa da alta velocidade (AVE), senón de velocidade alta, porque as obras que se levan a cabo no tramo Lugo-Ourense non inclúen as tres variantes precisas para alcanzar a velocidade necesaria; estas variantes quedaron previstas polo goberno que presidiu Mariano Rajoy. Polo tanto, destacan os populares, Lugo queda fóra da velocidade alta na súa conexión con Ourense, e, polo tanto, coa liña de AVE. A planificación que se recolle no proxecto de orzamento demostra que se incumpren todos os prazos dados ata o momento para a terminación da autovía Lugo-Santiago, que, como mínimo, non se poderá utilizar na súa totalidade ata o 2025. En canto a autovía Lugo-Ourense, desaparece das previsións. Neste caso, segundo os populares, o Goberno de Pedro Sánchez “sacouse a careta” e esta autovía xa non figura nos orzamentos; tampouco se toma en consideración o intercambiador previsto por Mariano Rajoy en Montecalvo. En canto a autovía de A Mariña, a A-74, unicamente hai, segundo indican na dirección provincial do PP, unha “expresión de vontade, é dicir, nada de nada”. Os populares cren que os socialistas lucenses xogan á desesperada á vista duns orzamentos que son claramente lesivos para a provincia. “Sábeno e tratan de gañar tempo intentando enganar aos lucense”. Sinalan na dirección popular: “Animamos aos socialistas lucenses, sinaladamente a Tomé, a reclamar de Pedro Sánchez que inclúa partidas para Lugo das que poidan sentirse orgullosos e non se vexan na necesidade de falar como se viviran nunha realidade paralela, como están a facer”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A atleta do Saviñao Nuria López, 33 veces campioa de España en cadeira de rodas

Seguinte Nova

Unha visión artística sobre a maternidade no Pazo de Tor

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: