En marcha un programa de acompañamento á xuventude no seu tránsito dos estudos ao mundo laboral

• A iniciativa Xuventude Mentoring, dirixida a titulados universitarios ou de formación profesional superior, ofrece unha interesante rede de empresas, entidades e profesionais para guialos nos seus inicios laborais

A asistencia aos mozos e mozas que arrancan a súa vida laboral axuda a emprender os itinerarios profesionais con máis garantías.

•A Xunta ten en marcha a segunda edición do programa Xuventude Mentoring, que ten como obxectivo dar apoio aos mozos e mozas no seu paso dende a etapa de estudos ata a integración na vida laboral. O programa pon a disposición dos titulados universitarios ou de formación profesional superior, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, unha ampla rede de empresas, entidades e profesionais, que funcionarán como guías na súa incorporación ás distintas ramas laborais. Esta iniciativa, que pretende mellorar as condicións da mocidade para atopar o emprego que desexan ao tempo que reter recursos humanos de calidade nas empresas galegas, é o resultado da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e do Consorcio Interuniversitario de Galicia.
Esta segunda edición conta cunha financiación de 500.000 euros, importe similar ao destinado para a terceira, xa aprobada. Ambas partidas están cofinanciadas pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Os promotores do Xuventude Mentoring destacan os bos resultados da primeira edición, na que participaron preto de 200 persoas. O 60% delas atoparon emprego ou decidiron ampliar a súa formación naqueles ámbitos nos que foron mentorizados. O obxectivo para as dúas novas edicións é acadar os 500 participantes.
O programa ofrece un plan de formación integral durante tres meses, con cursos en competencias e habilidades imprescindibles para a inserción no mercado laboral, como o manexo das novas tecnoloxías, o espírito de innovación, a creatividade ou as facilidades comunicativas. O plan inclúe actividades de networking, visitas a empresas e asesoramento por unha persoa mentora profesional e experta nun sector e actividade concreta.•

Seguimento individualizado

•O Xuventude Mentoring conta coa implicación das tres universidades galegas, e está aberto á participación de máis empresas, entidades e asociacións. O obxectivo é garantir que a transición dos mozos e mozas dos estudos ao emprego estea acorde coas necesidades do tecido laboral, tendo en conta a realidade académica. Neste programa, destaca o papel dos titores ou mentores, que se encargan de orientar e facer un seguimento individualizado dos participantes.•

Máis accións para apoiar á mocidade cando comeza a traballar

•Ademais do Xuventude Mentoring, existen outras iniciativas que a Xunta ten en marcha para apoiar aos mozos e mozas que están a iniciarse no mundo laboral. Entre estas, cómpre destacar as axudas para a obtención dos permisos de conducir de turismo, autobús e camión.
Por outra banda, a Xunta de Galicia xa está a traballar no novo Plan Estratéxico de Xuventude en colaboración coas entidades do sector, e tendo en conta así mesmo as suxerencias que están a presentar os propios mozos e mozas. Segundo as previsións, o Plan Estratéxico de Xuventude acollerá liñas de acción e actuacións concretas que chegarán ata o ano 2027.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

16 proxectos presentados na xornada Demo Day do VI Coworking Ribeira Sacra

Seguinte Nova

A asociación veciñal do Saviñao reclama unha urxente solución para un dos símbolos do Feismo crónico da Ribeira Sacra: a estrutura inacabada dun hotel en Belesar

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: