• O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña mantivo unha reunión de traballo con militantes do distrito sanitario de Monforte para dar a coñecer a nova Lei de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura no Sergas
Militantes, voceiros, alcaldes e alcaldesas do Partido Popular dos concellos comprendidos no distrito sanitario de Monforte mantiveron unha reunión informativa co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que este explicou a nova lei de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura no Sergas que vén de ser aprobada esta semana no Parlamento de Galicia cos únicos votos do PPdeG.
Esta lei permitirá á Xunta cubrir a través dun concurso de méritos e sen necesidade de oposición aquelas prazas vacantes en postos de difícil cobertura nos hospitais comarcais. O conselleiro explicou que este procedemento xa se ensaiou este ano para cubrir vacantes en atención primaria, o que permitiu este mesmo mes adxudicar novos profesionais estables para os centros de saúde de Monforte ou Sarria, entre outras 91 prazas cubertas ao longo de toda Galicia. Os especialistas que obteñan a súa praza nos centros de saúde ou nos hospitais comarcais a través deste proceso terán que manterse nos postos adxudicados cando menos dous anos. Esta medida, unida ás postas en marcha pola Xunta nos últimos anos como que o tempo prestado en hospitais como o de Monforte supoña maior puntuación nas ofertas de emprego, nos concursos de traslados ou no aumento de nivel de carreira profesional, logrará, segundo o conselleiro, “que a carreira profesional dos novos especialistas comece por hospitais coma este, onde os servizos non están superespecializados coma nos hospitais máis grandes e o profesional adquire unha visión máis ampla da súa especialidade”.
O conselleiro de sanidade e os representantes municipais do Partido Popular lamentaron o voto en contra de PSdeG e BNG a esta lei, repetindo así a negativa que xa expresaran á lei que permitiu facer a convocatoria de concurso de méritos este ano para cubrir prazas de difícil cobertura en atención primaria.
Tamén fixo referencia á decisión do alcalde de Monforte de instalar un valado que pecha os accesos ao hospital comarcal, afirmando que “O PSOE e os seus socios quixeron cortarlle o suministro de calefacción ao hospital de Monforte e esta semana, co voto en contra desta nova lei, parece que tamén queren cortarlle unha fonte de suministro de novos profesionais”. Lembrando a denuncia pública deste feito realizada pola voceira do PP en Monforte, Katy Varela, Comesaña ironizou con que “aquí o único que parece que quere pechar, literalmente, o hospital de Monforte é o señor Tomé”, tras lembrar as numerosas ocasións nas que PSdeG e BNG prognosticaron erradamente o peche por parte da Xunta deste hospital comarcal. Pola contra, sinalou o conselleiro, desde que estes partidos anuncian o seu peche o hospital non fixo senón ampliar a súa carteira de servizos, por exemplo coa realización da amniocentese a mulleres embarazadas ou coa apertura dun hospital de día oncolóxico que evita aos pacientes de cancro desprazarse a Lugo.
Finalmente, ao bloqueo municipal que exerce Tomé sobre o hospital e ao bloqueo autonómico amosado por PSdeG e BNG ao votar en contra da lei que facilitará fornecelo de especialistas, Comesaña sumou o “bloqueo nacional” derivado da inacción do goberno de Pedro Sánchez, que incumpre desde 2018 un acordo entre Goberno e CCAA para regular a nivel nacional incentivos ás prazas sanitarias de difícil cobertura e desde 2020 un mandato do Congreso dos Deputados para estender o sistema de provisión de prazas por concurso nas especialidades médicas, ao ser moito máis áxil que o sistema de oposicións e aplicarse a profesionais que xa teñen superado un exame para exercer a súa especialidade.
“Tomé, Formoso e Pontón calan cando o Goberno de España non actúa nas súas competencias e votan en contra cando a Xunta e o PP actúan nas súas. Semella que algúns necesitan que o hospital non mellore para intentar alimentarse politicamente diso. Pois temos unha mala noticia para eles: o hospital vai mellorar”, concluíu.•