O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este sábado que “os feitos demostran claramente” que dende a Comisión Executiva “tiñamos toda a razón” ao reclamar á Xunta de Galicia que vacine da cuarta dose contra a Covid-19 ás persoas maiores nos seus centros de saúde ou PACs de referencia.
“A baixísima asistencia – tan só a metade dos citados na primeira xornada de vacinación- e as queixas xeneralizadas dos maiores e das súas familias polo trastorno innecesario e o gasto económico que lles provoca ir aos hospitais pon de manifesto o fracaso do sistema de vacunódromos implantado pola Consellería de Sanidade, polo que esiximos á Xunta que rectifique xa”, asegurou José Tomé.
O líder dos socialistas na provincia de Lugo lembrou que o partido vén reclamando que o Goberno galego acerque a vacinación aos maiores, e a propia Executiva acordou na súa reunión do pasado martes que os alcaldes e alcaldesas e os portavoces do PSdeG defendan mocións nos concellos para recoller o rexeitamento social que provocou o sistema de vacinación nos hospitais e esixir á Xunta que recapacite canto antes e subministre a cuarta dose da vacina nos centros de saúde ou nos puntos de atención continuada, unha reivindicación que tamén levarán ao Parlamento de Galicia a través dunha Proposición non de Lei.
“É o máis lóxico para evitar á xente longos desprazamentos ata o Hula ou os hospitais de Monforte e A Mariña. Non ten sentido ter que facer desprazamentos de ata 120 km para poñer unha vacina, co desembolso económico que iso supón, que é un copago na práctica”, afirmou o Secretario Xeral dos socialistas lucenses.
A centralización das vacinas nos hospitais “é un novo castigo ao noso rural porque afasta dos veciños e veciñas servizos públicos básicos, que deberían ser accesibles e gratuítos”, destacou José Tomé. “
A Xunta quere recuperar esa idea de que hai que ir ó médico á capital, como no século XIX”, engadiu, insistindo en que a Xunta optou pola centralización “ante a grave falta de medios e persoal que provocou na sanidade, sobre todo na Atención Primaria, na nosa provincia. Unha carencia que o PP da provincia de Lugo sempre nega, pero que ante a realidade non lle queda máis que recoñecer, como fixo hai uns días a Deputada do PP no Parlamento Encarna Amigo”.
José Tomé pregúntase “canto teremos que esperar para que o Goberno galego rectifique. A xente non acude ás citas. Non se está a vacinar máis que a metade dos maiores citados. As queixas polas molestias son xeneralizadas. A que espera a Xunta para recoñecer que se equivocou e para retomar o sistema anterior, vacinando nos centros de saúde ou PACs?”. •
Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL
O Partido Popular de Sarria advertiu sobre a «deriva económica» do Concello, cun resultado orzamentario negativo
O Partido Popular de Sarria solicitará un pleno extraordinario para esixir a reapertura do matadoiro municipal,
Os populares solicitan flexibilizar as normas para facilitar o traballo de transportistas e denuncian o bloqueo
O BNG presentou en Monforte a súa nova campaña en defensa dun modelo de financiamento galego,
O Partido Popular de Monforte deu inicio ao curso político cunha reunión con afiliados e simpatizantes,