Triplícase o orzamento para as axudas de prevención fronte ao lobo, ata alcanzar os 1,9 millóns de euros

• Desde a Xunta consideran que o problema non afecta só ás grandes comarcas gandeiras senón tamén a municipios con poucas explotacións e avoga por reforzar a información sobre as axudas existentes incidindo en que as accións preventivas resultan claves

Oza-Cesuras. A Coruña A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visita a Gandaría Armucela SC 11/10/2022 Foto: • Desde a Xunta consideran que o problema non afecta só ás grandes comarcas gandeiras senón tamén a municipios con poucas explotacións e avoga por reforzar a información sobre as axudas existentes incidindo en que as accións preventivas resultan claves

A Xunta de Galicia triplicará o vindeiro ano o orzamento destinado ás axudas para aplicar medidas de protección que eviten ou mitiguen os prexuízos causados polo lobo nas explotacións agrícolas e gandeiras. Deste xeito, a cifra dispoñible ascenderá a 1,9 millóns de euros fronte aos 600.000 euros que reservou o Goberno galego a tal fin na convocatoria deste ano.
Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen recalcou que se trata dunha contía “sen precedentes” para previr os ataques do lobo en Galicia, un esforzo que enmarcou na aposta da Xunta pola prevención e no seu “apoio” ao sector primario ante o escenario de incerteza xerado polo Goberno central coas súas recentes decisións sobre a xestión desta especie.
Durante a súa visita a unha explotación que en 2021 sufriu un destes ataques e recibiu unha axuda autonómica por importe de case 600 euros, a responsable galega lembrou que coa inclusión do lobo na Lesrpe (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial), o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico demostrou descoñecer a realidade das comunidades lobeiras do país, entre elas Galicia, onde o estado de conservación da especie é “favorable” grazas á xestión da Xunta.
Neste sentido, salientou que desde 2017 a cifra de avisos e animais afectados polas incursións do lobo se manteñen estables en Galicia, con máis de 1.200 chamadas ao ano relacionadas con supostos ataques desta especie e máis de 2.000 reses afectadas.
Para contrarrestar estes datos e apoiar ao sector gandeiro na súa convivencia con esta especie silvestre, a conselleira explicou que a Xunta aposta desde hai anos por convocar sucesivas ordes de axudas para paliar os danos que provoca e para adoptar as medidas e accións de protección necesarias co obxectivo de evitar o impacto que teñen estes ataques sobre as explotacións gandeiras.
De feito, só no período 2016-2022 o Goberno galego destinou case 6 millóns de euros a pagar indemnizacións e gastos de prevención e o ano que vén se reservarán 2,5 millóns de euros máis para ambas ordes de axudas.
A conselleira lamentou que o Goberno central deixe a Galicia fóra do reparto dos 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais de 2022 para paliar os danos do lobo. A conselleira explicou que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, condiciona a recepción de parte deses fondos á aceptación previa da Estratexia nacional do lobo aprobada este verán. “Pero Galicia non pode aceptala porque suporía vender aos gandeiros e incluso vender a biodiversidade”, declarou.
En todo caso, Ángeles Vázquez confirmou que a Xunta seguirá estando “ao carón dos gandeiros”, mobilizando só no eido da prevención un total de 1,9 millóns de euros a través dunha nova convocatoria de axudas que financiarán, entre outros, a adquisición e manutención de cans protectores e defensores do gando, a compra de pastores eléctricos, ou a instalación de cerrumes móbiles de malla electrificada ou de valados. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nomeados as primeiras Damas e Cabaleiros da Orde da Mencía na Festa da Vendima do Saviñao

Seguinte Nova

Segue aberto ata o 31 de outubro o prazo dos préstamos IFI Innova para apoiar iniciativas empresariais innovadoras

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

A %d blogueros les gusta esto: