• O proxecto busca achegar a arte urbana á poboación e concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer os nosos pobos
O Festival de Muralismo «Máis que cor na Ribeira Sacra» é ao fin unha realidade; un proxecto no que o Consorcio de Turismo leva traballando anos e que agora se materializa grazas ao convenio de colaboración asinado o 5 de outubro de 2020 entre o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Federación Galega de Municipios e Provincias polo que se aproba o Pacto pola Paisaxe para a Protección, Xestión e Ordenación da Paisaxe na futura Área de Especial Interese Paisaxístico 05-03 “RIBEIRA SACRA”
Achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer os nosos pobos son obxectivos fundamentais desta actuación, actuación que nos permite continuar co proxecto Un toque de cor na Ribeira Sacra, iniciado no ano 2015 por este organismo, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.
Cinco muralistas de recoñecemento nacional e internacional, 8 xornadas de muralización simultánea, obradoiros infantís, unha clase maxistral, conferencias e debates e unha visita guiada por especialistas compoñen o programa do Festival de Muralismo, que arrincará o venres 13 de outubro e rematará o 21 de outubro.
Os artistas invitados son Doa Ocampo (Sober), Yoseba Muruzábal (Cambre), Novenoel (Rianxo), Alba Fabre (Barcelona) e Cestola na Cachola (Santiago de Compostela).
Todas as actividades son gratuitas, aínda que é precisa reserva previa a través do correo electrónico turismo@ribeirasacra.org. O prazo para as reservas rematará o venres 14 de outubro, ás 18:00 horas. •