• Tamén pediu un compromiso formal da Xunta para acabar co sistema de vacunódromos para as persoas maiores
A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia á posta en marcha dun plan de choque que solucione os problemas na Atención Primaria que sofre o 80% dos concellos da provincia de Lugo. Logo dun verán no que municipios como Abadín, A Pontenova, Pantón, Antas de Ulla, Ribadeo ou Barreiros só contaron cun só médico nos seus centros de saúde, a institución provincial esixe que se garantan os cadros de persoal completos cunha política de contratación que permita cubrir baixas por enfermidade ou vacacións, segundo unha moción presentada polo PSdeG no Pleno celebrado hoxe que foi aprobada co apoio do BNG. O PP votou en contra.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou unha maior implicación do Goberno autonómico coa sanidade pública, que arestora mantén pechados centros de saúde ou carece dos facultativos necesarios para atender as necesidades da veciñanza. Nese sentido, a iniciativa recolle que se deseñe un modelo de carreira profesional atractivo para evitar que queden prazas desertas tanto en Atención Primaria como en Pediatría.
Problemas na atención pediátrica
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, amosouse asombrada ante as declaracións do Presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, cando dixo que a situación sanitaria en Galicia “era relativamente tranquila” cando “unha meirande parte dos municipios carece de atención pediátrica para os nenos e nenas da provincia”, dixo. Sinalou Porto os problemas de atención pediátrica que sofren os concellos de Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro.
Tamén se referiu ao preocupante que resulta que se pecharan centros de saúde en municipios coma Carballedo, Parga, Guitiriz, Castro de Rei ou Cervo; ou que haxa localidades coma Muras, Ourol, Navia de Suarna, As Nogais ou Ribas de Sil que só contan cun médico, “ou Negueira de Muñiz que nin ten médico asignado”, manifestou.
“E a pesar disto, temos que ver como a xerente do Sergas nos intenta convencer de que temos que asumir con normalidade esta situación, que debemos asumir que cando pedimos unha cita non nola confirmen para ese día ou que nos temos que afacer a que non haxa pediatra en cada centro de saúde”, indicou.
Axudas para ir aos vacunódromos
Urxiu a Deputada a que se formalice un compromiso formal para non volver a empregar o sistema de vacunódromos centralizados para persoas maiores, así como unha liña de axudas para compensar os gastos derivados dos desprazamentos que tiveron que facer dende a súas localidades de orixe para recibir a vacina.
A Voceira socialista amosou a sorpresa que xerou a decisión da Xunta de Galicia de derivar aos vacunódromos ás persoas de máis de 80 anos para recibir a segunda dose de reforzo fronte á Covid-19. Unha decisión, dixo, que xerou inquedanzas e molestias tanto nos propios pacientes, que non tiñan como desprazarse, como nas familias, que tiveron que asumir desprazamentos de ata 120 quilómetros para poder poñer a vacina. “O peor de todo foi que o Conselleiro de Sanidade aludiu á eficacia desta decisión e manifestou que foran as persoas maiores as que pediran ir aos vacunódromos centralizados”, afirmou. “A realidade é que a medida foi un fracaso, como demostrou que só se vacinaron a metade da poboación que tiña que facelo nesa franxa de idade e que a Xunta acabou ofrecéndolle aos maiores a posibilidade de vacinarse nos centros de saúde”, subliñou.
Así mesmo, apuntou que unha boa solución sería que se subministrase nos centros de saúde, a pesar de que o propio Sergas recoñeceu “que se debía á falta de persoal na Atención Primaria”. E nese sentido, deu o dato de que de Galicia é a segunda comunidade de España que conta con menos número de enfermeiros por paciente.
Minuto de silencio
Ao inicio do Pleno a Corporación provincial gardou un minuto de silencio polo falecemento do piloto de extinción de incendios Santiago Durán. O sevillano finou o pasado mércores ao impactar fatidicamente o seu avión en Pena Trevinca, logo de despegar dende o aeródromo de Doade (Sober) con dirección a Córdoba.•