A Xunta ampliará os beneficios fiscais e segue apostando polo reequilibrio territorial en favor das provincias de Lugo e Ourense

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entrega no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos para 2023. Foto GPXG.

A Xunta de Galicia ampliará no 2023 o volume de beneficios fiscais ata os 592 millóns de euros, 144 millóns máis que no ano 2020, ao tempo que seguirá apostando polo reequilibrio territorial. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2023, que ascende a 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia, e que foi entregado no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
En canto á distribución territorial, os Orzamentos da Xunta para 2023 volverán potenciar o reequilibrio territorial polo que o maior gasto por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 5.288 euros per capita, e Ourense, con 5.168 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 4.024 euros per capita e Pontevedra 3.913 euros por habitante.

Cinco liñas de actuación
Os orzamentos de 2023 reforzarán con máis de 500M€ cinco liñas de actuación que considera prioritarias para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade. Estas liñas de actuación son apoio e protección das familias e das persoas; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos.

Gasto social
As contas do vindeiro ano tamén reforzarán tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.368 millóns de euros (709 millóns máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.
No 2023 destinaranse 4.967 millóns de euros á sanidade pública, 2.795 millóns ao ensino público, 1.164 millóns a políticas sociais, e 443 para o emprego. Tres de cada catro euros do orzamento para 2023 irán destinados a sanidade, educación, políticas sociais e emprego.
Por departamentos, todas as consellerías, agás a de Facenda e Administración Pública, terán máis recursos no ano 2023. O maior incremento prodúcese na Consellería de Sanidade con 383,6 millóns e chega aos 4.972,3M€; a continuación sitúase a Consellería de Política Social e Xuventude cun aumento de 149,3M€ ata acadar os 1.077,7M€, e logo a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade cun incremento de 142,8 millóns de euros que acada os 2.894,3M€.

Novas rebaixas de impostos
No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF co que se beneficia a todos os contribuíntes e de maneira especial ás rendas medias e baixas. Ademais, rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4% ao 9%. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476€ en relación ao que pagaban en 2009.
Por outra banda, tamén se equiparan a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF, e duplícase a dedución para as familias de tres fillos para beneficiar a máis de 187.000 familias. A partir de tres fillos, increméntase a dedución en 250 euros adicionais por cada fillo a maiores.

Compromiso coas entidades locais e as universidades
O ano que vén a Xunta fará un importante esforzo orzamentario co financiamento dos concellos que chegará aos 564,4M€, o que supón un crecemento do 15,5% con respecto a este ano (76M€ máis). Tamén se reforza o compromiso coas universidades e presupóstase a segunda anualidade do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026, á que se destinan 483 millóns de euros para 2023. •

A provincia de Lugo volve a ser a provincia con maior contía por habitante

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o compromiso do Goberno galego con Lugo, que suma 1.712 millóns de euros nas partidas de investimento dos orzamentos da Xunta para o 2023, e volve a ser a provincia con maior contía por habitante -incrementada nun 7,3% con respecto ao pasado ano ata quedar nos 5.288 euros-.
Este esforzo tradúcese en 13,2 millóns de euros destinados a infraestruturas sanitarias, entre eles 2,4 millóns de euros para ultimar o Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia; 7,5 millóns para obras e dotacións do Hula; 2,1 millóns para o Hospital Público da Mariña, e 719.539 euros para o novo centro de saúde de Antas de Ulla, ademais de recoller a reforma e ampliación doutros centros como o da Milagrosa, Meira e Outeiro de Rei. Tamén se contempla a partida presupuestaria para a creación dos centros de saúde de Pantón, Ribadeo e no barrio lucense do Sagrado Corazón.
O gasto en políticas sociais en Lugo ascenderá a preto de 174 millóns de euros, para o funcionamento dos centros propios, o financiamento de prazas asistenciais ou do Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia, a Risga e outras axudas sociais.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recollen investimentos por máis de 100 millóns de euros na provincia. Entre as obras que executará cabe apuntar a Ronda Leste de Lugo, con un orzamento de 20M€ comprometido para os vindeiros tres anos, con 6 millóns para 2023; o novo acceso na LU-651 a Folgoso do Courel (2,8 millóns), o eixo entre Begonte, Friol e Palas (2 millóns) ou a autovía Nadela-Sarria (2,09 millóns). En materia de saneamento, consígnanse 11,3 millóns para Foz, Burela e Viveiro.
En materia educativa, Lugo é a cidade con maior investimento de Galicia, con 12 millóns de euros en proxectos como as rehabilitacións integrais da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, o colexio Paradai, os institutos Anxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes, ou a construción dun centro de biomasa que dará servizo ao complexo educativo desta zona.
Outros proxectos de envergadura que concretan os orzamentos serán a reestruturación e optimización da oficina agraria de Lugo (2,8 millóns); o programa Conecta Hubs, os convenios coa CEL relativos á innovación e o Polo Aeroespacial de Galicia, con máis de 27 millóns de euros; a central de biomasa do barrio da Residencia (560.800 euros), ou a ampliación das instalacións para embarcacións menores do porto de Celeiro (558.000 euros). •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Cine Infantil Gratuito en Sarria

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra presenta o seu proxecto de mobilidade sustentable

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

CENTRO DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL

Publicidade O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual
Ir aInicio

Don't Miss