Quen non lembra esta canción: «Sementar sementarei, loguiño de crarear, en tanto non pobo medre, un meniño, unha lanuxe e un cantar» de Fuxan os Ventos. Loxicamente serán moitos, os máis novos os que non saberán de que falamos, e é que se trata dun tema de 1979, hai xa 43 anos, dun grupo Fuxan vos Ventos que se fundou en 1973, aínda nos estertores do franquismo, hai 50 anos. O tema titulouse Sementeira, e acompañou a toda unha xeración de galegos, nuns tempos de apertura e ilusión pola liberdade, entón algo máis cunha palabra ou un feito consumado. Sementeira representaba as ganas de soñar dun pobo que levaba moito tempo apagado. Por iso, agora, quizais máis que nunca, convén lembrar quen fomos, de onde vimos para poder decidir cara a onde queremos ir. A iso pódenos axudar a exposición ‘Fuxan vos Ventos. 50 anos de historia’, que permanecerá no Vello Cárcere de Lugo ata o 22 de xaneiro do 2023.
A mostra ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’ inaugurada este sábado 22 de outubro no Vello Cárcere da cidade de Lugo, coincidindo co 50 aniversario da data do primeiro concerto deste grupo de música galego no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, está integrada por unha gran diversidade de formatos e conta con achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país. Carteis de actuacións de todos os anos, fotografías, recortes de prensa, libros de poetas, manuscritos, os propios discos, vídeos e audios -inéditos nalgúns casos- conforman esta exposición que conta con tres bloques diferenciados: un sobre a cronoloxía do grupo, outro sobre o seu universo creativo e un terceiro, máis pequeno, dedicado ás súas lembranzas.
A montaxe da mostra, cunha estética minimalista para focalizar o protagonismo nas propias pezas, aproveita a singularidade do espazo expositivo de forma que a súa disposición en semicírculo permite apreciar dunha soa ollada a cronoloxía de Fuxan os Ventos dende o ano 1972 ata este ano 2022 e, de forma particular, coñecer cada efeméride concreta do grupo – gravacións dos discos, xiras, concertos…- en cada unha das celas.
O segundo bloque temático da mostra, relacionado co universo creativo do grupo, recolle distintas pezas que permiten analizar os seus referentes literarios e detallar a súa relación cos propios poetas. Concretamente, a exposición saca a luz o traballo con Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou Manuel María e a forma na que lles encargaban as letras para as cancións.
A tradición oral de Galicia foi outra das súas fontes para a creación de novas pezas musicais e tamén ten un espazo nesta mostra. Así, poderase apreciar o proceso dende a recollida das cancións, coplas ou romances a través dunha gravación en cinta, pasando pola súa transcrición, edición ata que, finalmente, dispoñen da versión final da canción no disco.
A través dunha instalación sonora os visitantes poderanse achegar non só á parte instrumental das cancións e aos seus arranxos musicais; senón que tamén poderán escoitar o traballo de voces porque Fuxan os Ventos é un grupo instrumental, pero tamén moi coral.
O terceiro bloque da mostra que se pode ver nun habitáculo do Vello Cárcere é o dedicado ás lembranzas do grupo e nel recóllense, entre outras pezas, varias cartas dos membros do grupo escritas á man por eles mesmos sobre as súas experiencias na formación.
Material inédito
Esta exposición permitirá ao público escoitar por primeira vez a canción ‘O corvo’ recollida nunha maqueta do ano 1975, que non pasou a censura. Fuxan os Ventos non chegou a editala nun disco, pero pódese coñecer agora na mostra do seu 50 aniversario.
Son moitas outras as pezas sonoras que se poden escoitar en distintos puntos de audio que recollen gravacións de ensaios de cancións coñecidas, pero nun formato distinto. Os nove membros actuais do grupo -Antón Castro, Xosé Vázquez, Pedro Lucas, Xoán L. Fuertes Saavedra, Carmen Vázquez, Tereixa Novo, Maruxa Fociños, Alfonso Fernández e Moncho Díaz-, agasallaron ao público cantando algúns dos seus temas tanto na sesión inaugural do mediodía coma no segundo acto que se celebrou á última hora da tarde. •