
A portavoz nacional, Ana Pontón, afondou na valoración dos orzamentos de 2023 avanzando que o BNG vai presentar unha proposta alternativa a unhas contas do Goberno do PP que son “insolidarias, insolventes e propagandísticas” e que, lonxe de fortalecer Galiza ante a maior crise de prezos en corenta anos, “a debilita”. Son insolidarios, explicou, porque recollen un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, a través dunha baixada do imposto de patrimonio que supón para esta minoría de millonarios pagar 4.415 € menos cada ano. Por contra, aos 38.000 galegos con pensións non contributivas, as máis baixas e que apenas superan os 400 euros ao mes, estes orzamentos recollen unha subida de 14 € ao ano.
Son insolidarios porque o PP “segue abrazado ao lobby eléctrico” e, mentres veta a tarifa eléctrica galega, aproba pola porta de atrás vía lei de acompañamento unha modificación que “desprotexe o territorio a favor do boom eólico depredador, os intereses das eléctricas por riba dos galegos e as galegas que pagan facturas de luz que son unha estafa”, critica.
Pontón incidiu en que son insolventes porque están baseados en datos que xa foron desmentidos tanto por informes de expertos como pola AIREF. Empezando pola subida do 1,7% do PIB anunciada o mesmo día que o informe do BBVA lle daba a Galiza un incremento cero, “o peor dato de todas as comunidades autónomas”.
Consideran os nacionalistas, que son uns orzamentos propagandísticos polo empeño do Goberno do PP en cualificalos como os máis sociais da historia. Pero a realidade é que, descontando a inflación, a sanidade e a educación públicas teñen menos recursos que en 2009. “O que si medra, un 4% son os cartos que o PP destina a educación privada e concertada con 273 M€, explicou.
Pontón avanzou unha alternativa do BNG que presentará unha emenda á totalidade, con propostas como un plan de choque de 200 M€ para reforzar atención primaria, “porque non son os presupostos que precisa Galiza nesta conxuntura de descontrol de prezos e, lonxe de fortalecer o País ante a crise, o debilitan”, concluíu.•