Mónica Freire presentou a terceira
edición de “O que non arde”

Mónica Freire presentou a terceira edición do programa de prevención de incendios e apoio á xestión integral do monte “O que non arde”, que impulsa a área de Medio Rural da Deputación de Lugo.
Na anualidade 2022, a convocatoria, aprobada en Xunta de Goberno, céntrase na promoción do silvopastoreo en gandeirías de ovino, cabrún e porcino para reducir os niveis de biomasa que actúan como combustible para os lumes forestais. A través do programa, Medio Rural financiará investimentos relacionados co pastoreo en extensivo en zonas forestais e agrícolas. A convocatoria, que conta cun orzamento de 60.000 euros, artículase en dous eixos. O primeiro diríxese a titulares de gandeirías e financia a adquisición ou mantemento de peches para xestionar o manexo e protexer o gando da fauna salvaxe, como pastores eléctricos ou valados de diferentes tipoloxías, así como os gastos técnicos de deseño e construción doutros sistemas innovadores para o aproveitamento multifuncional do monte e a convivencia do gando coa fauna salvaxe. O segundo diríxese a asociacións gandeiras e federacións de produtores que fomenten, o silvopastoreo mediante a formación e o asesoramento técnico.
Mónica Freire explicou que “os lumes deste verán puxeron de manifesto unha vez máis que os incendios forestais son unha das problemáticas centrais do rural galego e que a resposta ten que darse necesariamente desde a prevención”. “Desde a área de Medio Rural apostamos por esta vía desde o inicio do mandado poñendo en marcha este programa co que seguimos dando apoio aos gandeiros e gandeiras que apostan polo pastoreo e colaboran así na limpeza e na defensa dos montes contra os lumes”, expuxo a responsábel provincial, que repasou as tres edicións do plan para sinalar que “a través das distintas convocatorias de O que non arde tratamos de implicar nesa tarefa preventiva a concellos, comunidades de montes veciñais en man común e gandeiros e gandeiras a título individual, xa que somos conscientes da importancia de actuarmos de forma coordinada”, apuntou.
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas. Na pasada edición, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, logrando o mantemento e limpeza de 313 ha de monte en terreos de faixas de protección contra os lumes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Iván Raña no Alto do Boi en Quiroga

Seguinte Nova

O futuro da Ribeira Sacra a debate no II Foro Think Tank de CEL e Xunta

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: