Os socialistas tachan os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2023 como os presupostos “da monotonía, da mentira e do engano”

O Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, á Secretaria de Organización,Pilar García Porto; o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Alvarez; e a deputada autonómica Patricia Otero. Foto GPPSDG.

O Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, asegurou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2023 son os presupostos “da monotonía, da mentira e do engano”. Demostran, subliñou, que o PP está instalado na rutina. Non ofrece nada novo, nin a Galicia, nin á provincia. Xestionan por inercia e, polo tanto, dá igual que teñan 11.000 que 12.000M€ de Orzamento. Non se nota”.
Tomé Roca fixo estas declaracións durante a rolda de prensa que ofreceu na sede do partido en Lugo para trasladar a análise dos socialistas sobre os Orzamentos da Xunta para o ano 2023, xunto á Secretaria de Organización do Partido Socialista na provincia, Pilar García Porto; o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Alvarez; e a deputada autonómica Patricia Otero.
Desta forma, subliñou José Tomé, as contas autonómicas ratifican “a diferencia abismal entre o Partido Socialista e o Partido Popular, na maneira de gobernar e no compromiso con Galicia e coa provincia”, pois, explicou, “cando gobernamos os socialistas, Galicia e a provincia avanzan, porque temos un proxecto de país claro e porque cumprimos co que nos comprometemos”, mentres que co PP “ocorre todo o contrario”. “O Partido Popular ten a provincia ó ralentí, practicamente paralizada, e sen nada novo no horizonte”, incidiu o líder dos socialistas lucenses, quen se pregunta “onde van” os 1.100M€ que aumentan os presupostos da Xunta, grazas á aportación do Estado, apuntou. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia puxo as infraestruturas como exemplo da “rutina” coa que xestionan os populares na Xunta. “Seguen empantanadas obras estratéxicas para a competitividade e o desenvolvemento da provincia”, como a Vía de Alta Capacidade Costa Norte e o Plan Paradai de Lugo, que reciben as mesmas partidas que nunca se executan, ou o acceso ó Porto Seco de Monforte, para a que mesmo a Xunta baixa a consignación de 750.000€ a 500.000€.
Citou as cifras previstas para o desdobramento do corredor Lugo-Sarria como mostra da pouca fiabilidade dos orzamentos autonómicos: “Contemplan 2M€, cando os orzamentos deste ano 2022 prevían que a Xunta ía destinar 9,9M€ no ano 2023. Unha proba de como xoga a Xunta coas cifras e de que as súas previsións non son nunca garantía de nada”.
Tamén criticou o prazo de tres anos que a Xunta prevé tardar en reparar o tramo da LU-651 afundido no Courel, que cualificou con ironía como exemplo de xestión “áxil e eficaz”, ó tempo que reclamou a recuperación das partidas para acondicionar o tramo entre Folgoso e Seoane que ten desaparecido dos orzamentos de 2023 e si figuraba en anos anteriores. En canto ao investimento social, os Orzamentos da Xunta “resultan especialmente decepcionantes, sobre todo en sanidade”, asegurou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia. “Hai un colapso evidente, que xa non nega ninguén. O 80% dos concellos da nosa provincia sofren graves carencias de persoal en Atención Primaria e Pediatría, vémolo todos os días, e a Xunta non aporta solucións. É máis, dedícase ó trilerismo político, anunciando un día un reforzo para Atención Primaria de 33,4M€, para dicir ó día seguinte que son 137M€”. “Os socialistas esixímoslle á Xunta rigor, respecto ós cidadáns e que rectifique. Que non lle baixe o imposto ós ricos e que dedique eses 33,4M€ a reforzar a Atención Primaria”, afirmou José Tomé. “Non se pode baixar os impostos ós ricos e despois pedir ó Estado o diñeiro que a Xunta regalou ós que máis teñen”, afirmou. O líder dos socialistas fixo fincapé en que a Xunta non aporta “nada novo” en educación. “Máis alá dos investimentos en centros educativos da capital, que dende logo son necesarios, non hai ningunha actuación en colexios ou institutos do resto da provincia”, o que supón, dixo, “un novo desprezo ó rural”. En relación co lema do PP para a presentación dos orzamentos – O impulso que Galicia precisa –, consideran que non pode ser máis desafortunado, “porque estes presupostos non representan ningún impulso, nin para Galicia, nin para a provincia”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Avanzan a bo ritmo as obras da Ponte de Piñeira

Seguinte Nova

Ana Pontón avanza unha alternativa do BNG aos orzamentos “insolidarios, insolventes e propagandísticos” do PP

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: