• Subliña o reforzo do cadro de persoal, xa que desde o 2020 se efectuaron novas contratacións que permiten contar con 125 profesionais máis en saúde mental
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou o compromiso da Xunta para facer fronte ao “serio problema” da saúde mental co reforzo do cadro de persoal e anunciou a contratación o vindeiro ano de 61 especialistas máis, cun investimento de 2,6 millóns de euros recollidos nos Orzamentos que entrarán mañá mesmo na Cámara galega. Deste xeito, desde 2020 efectuáronse novas contratacións que permiten contar con 125 profesionais máis nesta área sanitaria.
Na súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia, o titular do Executivo galego admitiu que a saúde mental é un “tema que lle preocupa” ao Goberno autonómico e advertiu que se trata dun “problema serio que vai ir a máis”. Por iso, amosou o compromiso da Xunta para facerlle fronte con “propostas abertas e con orzamentos”.
En concreto, adiantou unha partida de 9,1 millóns de euros no 2023 dirixida a prazas en centros de rehabilitación, pisos protexidos ou residencias especializadas, “un 50% máis do que se investía no inicio desta lexislatura”, subliñou.
Hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil
O presidente da Xunta fixo especial referencia á repercusión dos problemas de saúde mental entre a cativada e a mocidade. A este respecto, apuntou ás consecuencias da pandemia e do confinamento nesta área da poboación. Por iso, puxo en valor os catro hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil creados pol Goberno galego en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e anunciou que para o vindeiro 2023 se completará esta rede con tres servizos máis nas cidades que aínda non dispoñen dun: Coruña, Ferrol e Pontevedra.
NOVAS CONTRATACIÓNS DE PROFESIONAIS DE SAÚDE MENTAL
O presidente da Xunta enxalzou que Galicia conta xa con “máis servizos ca nunca” para atender a persoas con algunha doenza mental e apuntou a contratación de 125 profesionais de saúde mental para reforzar a Sanidade pública galega “e que a día de hoxe xa están a traballar”.Rueda tamén destacou o esforzo do Goberno galego no reforzo de prazas de formación para profesionais sanitarios especializados ou incremento en máis dun 50% das prazas para psicoloxía e nun 33% as de psiquiatría. Salientou que Galicia é “unha das primeiras comunidades” en formar psiquiatras especialistas en saúde mental infantoxuvenil.•