Sober acolleu o acto de entrega pola Xunta da Bandeira Verde de Galicia a 15 concellos polo seu compromiso co medio ambiente e a conservación da paisaxe, sendo ademais un dos Concellos premiados con este distintivo que xa lograra na edición do pasado ano.
Durante o acto de entrega destes distintivos, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.
Logo de felicitar aos concellos da Laracha, Cervo, Muros, Ribadeo, Ribeira e Touro por ser galardoados por primeira vez e aos de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober por revalidar a Bandeira Verde de 2021, Ángeles Vázquez animou a todos os municipios a presentarse a este galardón que pretende “sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están facendo polo futuro de Galicia” grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.
A conselleira tamén incidiu no aposta do Goberno galego por unha Galicia verde. No ano 2023 a Xunta destinará 80,6 millóns de euros a actuacións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos. Cómpre lembrar que o distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural. •