25N DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Completa axenda de actos para concienciar sobre a necesidade de acabar coa violencia machista

Foto GPCM

A orixe da celebración do 25N remóntase a 1981, cando militantes e activistas en favor do dereito da muller lanzaban as súas protestas ante a violencia de xénero para honrar a memoria das irmás Mirabal, tres activistas políticas da República Dominicana que foron brutalmente asasinadas en 1960 por orde do gobernante dominicano, Rafael Trujillo. A pesar do tempo transcorrido aínda é moito o camiño que queda por percorrer para acabar con este problema. Aínda hoxe, unicamente dous de cada tres países prohibiron a violencia doméstica, mentres que en 37 estados aínda non se xulga aos violadores se están casados ou se casan posteriormente coa vítima. Ademais, noutros 49 estados aínda non existe lexislación que protexa ás mulleres da violencia doméstica. Estes datos son unha boa mostra da vixencia dun problema que en España segue alcanzando unhas cifras escandalosas: 37 mulleres asasinadas no que vai de ano, 1.067 nos últimos 20 anos. Máis de 87.000 denuncias por violencia de xénero en España no primeiro semestre do ano. Son uns datos que nos deberían ruborizar como sociedade, e por tanto todo canto fagamos para lembralo deber ser benvido. Neste senso, dende as diversas institucións lévase a cabo un destacado traballo de concienciación, especialmente nestas datas para conmemorar o 25N. É o caso do Concello de Monforte, o seu Alcalde José Tomé Roca, acompañado pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a Concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, deron a coñecer os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
“Un ano mais o Concello vai celebrar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, porque creo que é unha lacra a que todos debemos contribuír para sacar das nosas vidas. Co número de persoas, que polo simple feito de ser mulleres, están sendo asasinadas ou recibindo malos tratos, como sociedade no podemos quedarnos quietos sen facer nada. E iso é o que busca esta campaña, que manteñamos o paso firme contra esta lacra as 24 horas dos 365 días do ano”, asegurou o rexedor monfortino. A presentación do programa ante os medios de comunicación, tivo lugar nun dos pasos de peóns próximos á Casa Consistorial, na praza Campo de San Antonio, pois unha das principais novidades postas en marcha polo Concello para este ano, é a inscrición de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero tanto en pasos de peóns da cidade como en sinais colocadas nas entradas de Monforte.
Neste aspecto, José Tomé subliña que “con esta acción novidosa, denominada Con paso firme contra a violencia de xénero, que é o lema que puxemos nos pasos de cebra e entradas da cidade, Monforte fai un chamamento á unión e implicación de todas as monfortinas e monfortinos para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”. En concreto, a Concellería de Muller e Igualdade levará esta campaña á rúa a través de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero en 12 pasos de peóns e 5 sinais de acceso á cidade.

Monforte en Negro
Ademais, o Alcalde tamén convidou a participar na campaña “En Negro contra as Violencias”. Baixo o lema “Monforte en Negro”, un ano máis vestiremos de negro Monforte porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.•

Quéremonos Vivas, Libres e Iguais

A xornalista, doutora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana Bernal-Triviño durante o coloquio. Foto GPDL.

Dende a Deputación tamén quixeron sumarse á visibiilización da lacra da violencia machista no 25N coas xornadas Quéremonos Vivas, Libres e Iguais, un programa de actividades que arrincou este pasado mércores cun coloquio aberto á cidadanía na que participou a xornalista Ana Bernal-Triviño. O xoves proxectouse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o documental No se Oye, realizado polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual e o venres celebrarase a sexta andaina En Camiño contra as Violencias. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, destacou que “a loita en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal na acción deste Goberno, porque cremos que aínda queda moito traballo por facer. Temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en toda as súas formas”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Festival da Selección, 7-0 a Costa Rica no seu debut no Mundial de Qatar

Seguinte Nova

Monforte, primeira cidade galega en presidir a Red de Juderías de España

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: