A facturación da cadea monte-industria de Galicia superou no ano 2021 os 2.500 millóns de euros, sendo esta a mellor cifra desde que hai datos, a partires de 2006. Ademais, as estimacións “máis prudentes” aportan unha cifra aínda mellor para este 2022. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da xornada de presentación do informe anual da cadea monte-industria galega.
Neste acto, o titular de Medio Rural anunciou tamén que ao longo do vindeiro ano a Consellería iniciará o camiño para a redacción dun Plan Estratéxico da industria forestal-madeira. O principal obxectivo desta iniciativa é responder a unha demanda do propio sector, no sentido de aliñar o Plan Forestal de Galicia (que está especialmente orientado cara ao recurso) coas necesidades da industria (máis enfocadas no produto).
Ademais, José González salientou a contribución da cadea monte-industria ao Produto Interior Bruto galego, que se cifrou no 1,6% no 2021 e puxo en valor os principais datos deste eido produtivo. Así, lembrou que na nosa comunidade se cortan anualmente arredor de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, distribuídos nunhas 45.000 hectáreas cada ano, correspondentes a 85.000 referencias catastrais.
En adición, o conselleiro salientou tamén que a cadea monte-industria supón o 12 % do emprego industrial de Galicia, con 24.500 postos de traballos directos e, o que González cualificou como “máis importante”, empregos directamente vinculados ao rural galego. E engadiu, neste sentido, que “o informe presentado hoxe acredita como o monte é, sen dúbida algunha, a caixa de aforros do noso rural”. Diante destas cifras, o titular de Medio Rural sinalou que a Xunta é “totalmente consciente” do recurso que posuímos e, sobre todo, da necesidade de saber xestionalo. De feito, engadiu que “este Goberno fai unha aposta como non houbo antes en materia forestal en Galicia”. Isto, aseverou, co fin de manter xestionadas esas parcelas de monte das que hoxe son responsables -na meirande parte- pensionistas de preto dos 65 anos, tal como indica o informe, elaborado en colaboración co Instituto Galego de Estatística. Na mesma liña, o conselleiro trasladou que o Goberno galego está a incentivar a forestación e a silvicultura activa, por medio de liñas de axudas, xa aprobadas ou en proceso de aprobación, que suman ata 18 millóns de euros entre 2022 e 2023. Son fondos destinados á creación de superficies forestais, accións silvícolas, primas de mantemento e elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal.•