A Pobra do Brollón destitúe a Franco como “alcalde honorario perpetuo”

O Alcalde Xosé Lois Maceda e Rafael Castillo Reboiro. Fotos GPCAPB.

A memoria é un dos distintivos que nos caracteriza como seres humanos, e permítenos distinguirnos do resto de especies animais, é algo inherente á nosa condición, e aínda que nestes tempos é obxecto de debate máis que de reafirmación, con leis ou sen leis, con memoria histórica ou sen ela, non cabe o esquecemento naqueles que sufriron nas súas carnes agravios inxustos e desmedidos que aínda hoxe seguen impunes. Por iso custa entender como aínda hoxe convertemos en noticia un feito como o acontecido en Brollón, coa destitución do ditador Franco como «alcalde honorario perpetuo», e non o tempo que se tardou en facelo, e a dor daqueles que non conseguen esquecer.
Máis o feito é que no pleno extraordinario do Concello de A Pobra do Brollón celebrado na tarde do venres 18 de novembro acordouse retirar o título de ‘alcalde honorario perpetuo’ da Pobra do Brollón ao ditador Francisco Franco.

AUSENCIA DOS CONCELLEIROS DA OPOSICIÓN
“Parécenos intolerable que aínda a día de hoxe queden títulos deste tipo para un xenocida, un asasino e un ditador que o único que fixo foi represaliar e asasinar a aqueles que non pensaban coma el,” declarou o alcalde Xosé Lois Maceda durante o acto.
A decisión tomouse por unanimidade coa sorprendente ausencia dos concelleiros dos grupos da oposición, e o salón de plenos cheo de veciños que quixeron estar presentes no acto.

ANTONIO REBOIRO
Entre os presentes, había algúns familiares do alcalde asasinado Antonio Reboiro Rodríguez, incluído o seu neto, Rafael Castillo Reboiro. Foi el quen solicitou o recoñecemento persoal do Goberno estatal para o seu avó como vítima do franquismo, diploma que Rafael quixo entregarlle ao Concello no Pleno.
Antonio Reboiro, membro do Partido Agrario Radical Galego, foi alcalde democrático da Pobra do Brollón en 1936, asasinado en 1938 pola represión franquista. Como parte do recoñecemento á súa persoa, aprobouse no Pleno a proposta presentada por Rafael Castillo de darlle o seu nome á Biblioteca municipal, da que Antonio Reboiro foi impulsor.
Rafael Castillo amosouse moi emocionado no Pleno coa decisión. “Se non defendemos a memoria histórica, impoñerannos a súa” dixo en referencia ao auxe da estrema dereita e de discursos lexitimadores do franquismo. “Hoxe é un día de reparación, de recoñecemento, para aqueles que defenderon a
democracia e que loitaron polos dereitos. É un día no que se fai xustiza e que sirve para pechar as cicatrices e mellorar a convivencia e a democracia deste país,” afirmou Maceda no acto, que rematou cunha ovación de todos os presentes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Xunta e Concello de Sober porán en valor o espazo público que leva á Igrexa de San Xiao de Lobios

Seguinte Nova

Sarria e O Escorial, irmandadas polo chocolate

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: