Ana Pontón reclamou en Monforte solucións para o deterioro que vive a sanidade pública no sur de Lugo

• Denuncia que a política de recortes do PP ao longo destes trece anos «están poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas»

Ana Pontón mantivo unha reunión cos membros da xunta de persoal do Hospital Comarcal de Monforte. Foto BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, está a acrecentar a súa presenza no sur de Lugo, nos últimos tempos, para coñecer de primeira man os problemas da comarca, e facer valer os postulados do seu partido e ademais organizar e presentar as candidaturas nacionalistas nos diversos concellos da comarca de cara ás eleccións mucipais do próximo ano.
A pasada semana visitou o Hospital de Monforte, para manter unha reunión cos representantes da xunta de persoal, que lle trasladaron persoalmente as deficiencias e problemática que están a vivir. Ana Pontón denunciou o que considera un claro deterioro da sanidade pública na comarca do sur de Lugo que tamén afecta ao seu Hospital Comarcal, pola “falta de recursos e profesionais en todas as categorías” dun centro hospitalario no que, según os datos recibidos da xunta de persoal, as listas de espera subiron dende a pandemia un 35% para as e os pacientes que agardan por unha operación e un 50% para as persoas que esperan cita co seu especialista.
A líder nacionalista avanzou que o BNG vai seguir denunciando os recortes do Goberno do PP e reclamando “solucións para que se cubran todas as prazas vacantes en toda a área sanitaria e todos os especialistas neste hospital” que, segundo advertiu, xa non pode prestar moitos dos seus servizos e vese na obriga de derivar pacientes a Lugo ou proximamente ao Barco de Valdeorras.
“Todo isto provoca que en vez de contar cunha atención sanitaria máis próxima, o que fai o PP é alonxar máis á cidadanía da atención sanitaria”, afirmou logo de participar na concentración simbólica en defensa dos servizos da sanidade pública na comarca, á que tamén asistiron o portavoz municipal, Emilio J. Sánchez, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda, a deputada Carme Aira e outros responsables locais e comarcais.
Pontón denunciou que os recortes do Goberno do PP nos últimos 13 anos “están poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas” ao situar en situación de colapso o sistema sanitario galego “con decisións que claramente están debilitando a sanidade pública para beneficiar á privada”.
“Nos últimos 13 anos a Atención Primaria viu como se lle quitaban 2.000 millóns de euros, que non se investiron nela, como se recortaba en persoal, con taxas de reposición que claramente debilitaron o noso sistema público, e como se precarizaban tamén as condicións laborais das e dos profesionais”, incidiu para explicar as listas de espera para acudir ao médico ou médica de cabeceira, o recorte de pediatras ou o déficit de persoal no hospital comarcal de Monforte. A portavoz do BNG fixo un chamamento ao PP para que, no marco do próximo debate orzamentario, “se descabalgue da soberbia e teña disposición para negociar máis recursos para a sanidade pública”. Neste sentido, recordou as alternativas que o Bloque pon enriba da mesa e entre as que citou un plan de 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria e outro de 50 millóns para crear novas especialidades, por exemplo, en saúde mental, ámbito que concentra o 30% das consultas na Primaria.
Ao seu xuízo, son dúas medidas “que se poden levar adiante se hai vontade política, pero o problema que temos é que o PP está convertido nun partido que quere demoler a sanidade pública deste País”, polo que recalcou en que o Bloque vai seguir “defendendo con unllas e dentes” a sanidade pública e reclamando solucións “porque é evidente que temos un problema grave que non pode repercutir na saúde da xente”, concluíu.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A empresa Torta de Sarria obtén o selo de Calidade Artesanía Alimentaria

Seguinte Nova

A tecnoloxía 5G chega a sur de Lugo

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio