As estradas da provincia listas ante as adversidades meteorolóxicas

• Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana activan os seus protocolos para garantir a seguridade na circulación polas estradas da provincia durante o inverno

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou o Plan de Vialidade Invernal Foto GPSGL..

Coa chegada do inverno complícase a situación das estradas polas adversidades meteorolóxicas, e como cada ano tócalles ás administracións públicas ser previsoras e facer acopio de sal e medios para loitar contra a neve e as xeadas.

ESTRADAS ESTATAIS
Deste xeito, correpondoulle á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentar o Plan de Vialidade Invernal para a provincia de Lugo, no concerninte as estradas estatais.
Isabel Este Plan de Vialidade Invernal, que se desenvolverá ata o mes de abril, contará este ano cun total de 45 máquinas quitaneves para facilitar o tránsito de vehículos. Este ano, refórzase o equipamento con 3 quitaneves máis para traballar no porto de Pedrafita do Cebreiro. O dispositivo que se fai cargo da limpeza das estradas está composto por 124 operarios de mantemento de estradas distribuídos nos catro sectores de conservación nos que está dividida a provincia. Os medios materiais complétanse con 9.350 toneladas de sal e 2.515.000 litros de salmoira almacenados nos silos. A subdelegada explicou que o Plan provincial de Vialidade Invernal contempla a vixilancia e limpeza dun total de 993,09 quilómetros das 13 vías que compoñen a Rede de Estradas do Estado na provincia, así como a vertente leonesa do porto de Pedrafita.
ESTRADAS AUTONÓMICAS
Pola súa parte, a Xunta xa ten activo o Plan de vialidade invernal na provincia de Lugo, cun dispositivo de 87 profesionais e 1.740 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.
Os 6 centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecen en servizo desde o 1 de novembro ata o vindeiro 30 de abril. A Xunta dispón dun centro operativo na zona norte, en Xermade, que ten subcentros en Mondoñedo e no Cádavo; e outro na zona sur, no Incio, con subcentros en Monforte e en Lugo. O plan tamén inclúe na provincia de Lugo un dispositivo de 58 máquinas, entre elas, camións, retros, ademais de cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.
Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia. Dentro deses 1.500 km, prestarase especial atención aos case 400 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

ESTRADAS PROVINCIAIS
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, foi a encargada de presentar o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2022-2023. Xunto cos recursos propios, a institución ten contratadas 8 empresas para labores de conservación e mantemento co fin de facerlle fronte coa maior eficacia e rapidez posibles ás incidencias que poidan provocar as inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros de estradas provinciais. O dispositivo está composto por 112 operarios e 48 máquinas, ademais de 12 silos que a institución provincial ten distribuídos por toda a provincia e que dispoñen dun total de 420 toneladas de sal de mina.
O Plan de Vialidade Invernal da Deputación divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. Dos 4.217 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os cines de Monforte, modernizaránse coas axudas da Xunta

Seguinte Nova

Isaac Lamas non repetirá como candidato do PP á alcaldía de Ribas de Sil

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: