
Os Multicines Hollywood son un dos beneficiarios polos máis de 500.000 euros en axudas para a modernización de 16 espazos de exhibición cinematográfica que vén de resolver a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Con este investimento, a Xunta cofinanciará ata o 80% dos proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, captación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual destas salas de cinema, que suman 86 pantallas e unha capacidade próxima ás 16.500 butacas.
Os adxudicatarios percibirán contías que se sitúan entre os 21.600 e os 48.000 euros, en función do seu número de pantallas, para desenvolver os seus proxectos antes do 20 de abril de 2023 en relación cun ou varios dos tres eixos: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España. Con esta nova adxudicación, recoñécese o papel fundamental das salas de cine para o conxunto do sector audiovisual, nun momento no que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.•