A campaña «Galicia sabe aMAR» promocionará os produtos do mar da comunidade por máis de 5.000 quilómetros dos Camiños de Santiago

• En 2023 desenvolveranse catro rutas gastronómicas dende Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia con meta en Santiago • As accións de promoción tamén inclúen cinco foros temáticos nas catro provincias galegas

•Galicia ten unha fama ben gañada como referente gastronómico de primeiro nivel en España. As accións promocionais que se están a realizar nos últimos anos deron un forte impulso ao consumo dos produtos galegos fóra da nosa comunidade. Nesta liña está a traballar a campaña «Galicia sabe aMAR», da Consellería do Mar, que buscará amosar a calidade e a versatilidade dos peixes e mariscos galegos con diversas accións ao longo de 2023.

11 MILLÓNS NOS ORZAMENTOS 2023 PARA A COMERCIALIZACIÓN DO PEIXE E MARISCO GALEGOS
Dentro do orzamento para o vindeiro ano, a Xunta destinou 11 millóns de euros á comercialización dos peixes e mariscos, incluíndo a posta en marcha de roteiros con foodtrucks específicos de produtos do mar, así como foros gastronómicos nos que participarán profesionais de diversos ámbitos vinculados coa restauración, o turismo, a comunicación, a investigación e a saúde, entre outros.

FOODTRUCKS CON SABORES DO NOSO MAR POR MÁIS DE 200 CONCELLOS DE ESPAÑA
As accións que a campaña «Galicia sabe aMAR» realizará en 2023 inclúen catro rutas gastronómicas con impacto fóra da comunidade. O itinerario dos roteiros terá como saída as cidades de Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia, e rematará en todos os casos na cidade de Santiago. Os sabores do mar galego serán transportados en atractivos foodtrucks por máis de 200 municipios, cubrindo máis de 5.000 quilómetros de territorio vinculado aos Camiños de Santiago.

MÁIS DE 1.500 DEGUSTACIÓNS DE PRODUTOS DO MAR DE GALICIA POLAS CATRO RUTAS GASTRONÓMICAS
Nas localidades ás que cheguen os foodtrucks da campaña, os visitantes e turistas poderán desfrutar de pinchos elaborados con produtos certificados do mar de Galicia, entre os que estarán o bonito do norte ou os peixes e mariscos de pescadeRías, así como o Mexillón de Galicia e o Berberecho de Noia. No conxunto das catro rutas, levaranse a cabo máis de 1.500 degustacións.

FOROS TEMÁTICOS CON PROFESIONAIS MULTIDISCIPLINARES
Por outra banda, a campaña «Galicia sabe aMAR» organizará cinco foros gastronómicos nas catro provincias galegas. Seguindo o fío condutor #ACociñaDoMar, os foros reunirán a profesionais do marisqueo e a pesca, así como a representantes das confrarías, xunto a chefs, investigadores, profesionais da saúde e operadores de turismo. Ademais, tamén participarán destacados xornalistas gastronómicos e bloggers, así como entidades e institucións vinculadas ao sector.
Os cinco foros monográficos, que se centrarán no territorio, a sostibilidade, a formación e investigación, a saúde e o benestar e o papel das redes sociais, buscan poñer en valor a calidade dos produtos do mar de Galicia, xunto á gran oferta gastronómica e hostaleira da comunidade. Ademais, os foros servirán como espazo de debate para reflexionar sobre os desafíos do futuro para o sector.

VALOR DOS PRODUTOS E AGRADECEMENTO ÁS XENTES DO MAR
A Xunta puxo en marcha en 2021 a campaña «Galicia sabe aMAR», para poñer en valor os produtos do mar galego e agradecer aos profesionais do sector o seu esforzo por levar ás mesas da comunidade galega unha ampla diversidade de productos da máxima calidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Moita animación e afluencia nos Mercados de Nadal de Monforte

Seguinte Nova

A Casa da Cultura de Monforte amosa o Belén do artista J. Antonio Dávila

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: