A Vicepresidencia achegou mais de 75.000 euros ás entidades deportivas das comarcas do sur

• Uns 40 clubs de Lemos, Chantada, Quiroga e Sarria beneficiáronse das axudas de concorrencia competitiva para actividade e eventos en 2022

As axudas de concorrencia competitiva para clubs e entidades deportivas que convoca anualmente a Vicepresidencia da Deputación de Lugo beneficiaron nesta anualidade a preto de corenta clubs das comarcas de Lemos, Chantada, Quiroga e Sarria. Trátase de achegas destinadas a fomentar o deporte e apoiar a actividade do tecido asociativo en toda a provincia e que, no caso das comarcas do Sur e Sarria, supuxo un investimento de mais de 75.000 euros.
As subvencións, que oscilan entre os 300 e os 5.000 euros, chegan a unha ampla variedade de disciplinas, contribuíndo ao sostemento dunha rede de clubs e entidades que facilita a práctica deportiva en todo o territorio e que ofrece unha ampla variedade de opcións para un ocio activo. A distribución das subvencións achéganos un mapa deportivo diverso, no que os clubs de fútbol e fútbol sala son maioritarios, pero no que modalidades como baloncesto, ciclismo, piragüismo, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe, natación, voleibol, xadrez, billar ou tenis contan con clubs de referencia nas comarcas do sur da provincia.
As achegas contribúen a financiar diferentes gastos relacionados coa actividade habitual das entidades, desde licenzas e dereitos de participación en competicións ou cotas de mutualidades e arbitraxes ata material, vestimenta deportiva, transporte, alugamento de instalacións deportivas ou persoal.

DEPORTE EN TODO O TERRITORIO
O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou a importancia desta convocatoria para “a actividade de clubs de deporte base e afeccionado, que desenvolven un papel fundamental á hora facilitar o acceso ao deporte en todo o territorio, ofrecendo alternativas de ocio saudable e espazos de socialización para as rapazas e rapaces de todas as comarcas”.
O responsábel provincial sinala que “ademais da dimensión social do deporte, as axudas respaldan o traballo de formación e competitivo que se desenvolve nos clubs e que se reflexan nos logros que están acadando deportistas lucenses en diferentes disciplinas”.

CRITERIOS OBXECTIVOS E SOCIAIS
A concesión destas axudas a clubs e deportistas réxense por criterios obxectivos e sociais, que procuran un equilibrio entre a incidencia social, a aposta pola base e o rendemento deportivo. Así, entre os criterios que puntúan para determinar as contías finais figuran o número de licenzas -en relación co total da disciplina na provincia- ou os resultados dos equipos e deportistas, pero contémplanse tamén baremos para primar o deporte feminino e garantir a igualdade no acceso á práctica deportiva e para reforzar os clubs que traballan nos concellos máis pequenos.

EVENTOS
Ademais de contribuír ao mantemento da actividade ordinaria das entidades deportivas, a través desta convocatoria, que conta cunha liña específica para eventos, a Vicepresidencia da Deputación colaborou na organización de eventos como o Torneo Internacional de Xadrez Memorial Dragan Paunovic, o Torneo Riberia Sacra de Billar a Tres Bandas, o Campionato de España de Golf, o Torneo Val de Lemos de Ximnasia Rítmica, o Torneo de Futbol Sala Os Meigallos, a Copa de Fútbol Sala Escola do Sur de Lugo, a Carreira Popular 10 Km no Corazón, a Milla Urbana de Monforte, ou Torneo Vila de Sarria de Patinaxe Artística.

Participación do Neka no Campionato Mundial de Corea

Ademais da convocatoria anual, a área de Deportes financiou a viaxe da Corea dos deportistas do Neka que participaron no Campionato do Mundo de Taekwondo, que se celebrou do 21 ao 24 de abril nese país asiático.
Aitor Teijeiro Elidio, Lucía Roca Rodríguez, Karla Novo Taboada, Laura Álvarez Suárez, Marco García Martínez, Daniel Areán Grejs, Alejandro Losada Rodríguez e Carlos Rey Cuadrado participaron no campionato mundial en seis categorías de modalidade técnica, marcando así un fito na historia do club monfortino de Taekwondo, creado en 1996 por José María Vega Sánchez.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova xestora do PP de
Ribas de Sil presidida por Jose Rodríguez Fernández

Seguinte Nova

Sober celebra o Nadal cun variado programa de actividades

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: